Wednesday 03 de December de 2025

O Concello denuncia vertidos incontrolados en Chantada, Insua e na estrada que une Porto con Velouzás


 A Guarda Civil, a través do Seprona, xa investiga estes sucesos e agradece a colaboración cidadá ante calquera pista que poida axudar nas pescudas dos axentes.

O Concello de Paderne vén de denunciar ante a Guarda Civil a existencia de varios vertidos incontrolados en Chantada, Insua e a estrada que une Velouzás con Porto. As autoridades, a través do Seprona, xa investigan estes feitos e agradece a colaboración cidadá ante calquera pista que poida contribuír a dilucidar as pescudas dos axentes.

Todo tipo de materiais, desde colchóns, sacos con refugallos de obra, mobles, listóns e restos de madeira e anacos de formigón de considerables dimensións son os que se atopan estrados no medio natural, co conseguinte perigo non só para o ecosistema, tamén para as persoas que circulan por estes espazos a diario.

Estes lugares, perfectamente sinalizados, non son os apropiados para verter este tipo de materiais, que ademais dos citados danos, tamén supoñen importantes custes para as arcas municipais.

O alcalde, Sergio Platas, subliñou que “isto vense sucedendo desde hai meses. Segundo me apuntan hai varias liñas de investigación abertas e algunha xa está bastante avanzada de cara a saber quenes son as persoas implicadas. Aínda que sexa máis cómodo facer isto que depositar o lixo nos espazos pertinentes, temos que seguir loitando contra unhas accións que son perxudiciais para o medio, para a seguridade viaria e tamén xeran déficit para a Administración pública”.

Deja un comentario