Wednesday 03 de December de 2025

Daniel Pérez recibiu a unha representación da asociación Senegaleses de Carballo, que nace coa intención de fomentar as relacións entre as dúas comunidades


Daniel Pérez vén de recibir a unha representación da comunidade senegalesa asentada en Carballo, que se achegou á casa do concello acompañada por unha técnica do Plan de Inclusión da Xunta de Galicia. O obxectivo da xuntanza foi a presentación da asociación Senegaleses de Carballo, que nace para “fortalecer a convivencia, promover o coñecemento intercultural e apoiar a integración efectiva da comunidade senegalesa residente no municipio”. O alcalde, que estivo acompañado polas concelleiras de Servizos Sociais, Maica Ures, e Cultura, Maruxa Suárez, amosouse moi interesado pola iniciativa.

A día de hoxe figuran no padrón municipal un total de 193 habitantes de nacionalidade senegalesa, algúns deles residentes no noso concello desde hai varios anos. A súa intención é dar un paso máis e acadar unha integración plena, tanto no ámbito social coma no cultural ou lingüístico, e con esa finalidade teñen prevista a organización de actividades formativas e culturais. Facilitar á comunidade senegalesa os idiomas galego e español, dar a coñecer a cultura do seu país, crear espazos de encontro intercultural, previr a exclusión social, fomentar a participación veciñal e promover a convivencia, o respecto e a diversidade cultural son os obxectivos específicos da entidade Senegaleses de Carballo.

Para o seu primeiro ano de actividade presentaron unha proposta que inclúe talleres de galego e español, obradoiros do idioma senegalés, wolof, ou de música, danza, gastronomía e tradición oral de Senegal. Pero tamén charlas e unhas xornadas interculturais nas que poidan participar veciños e veciñas de ámbalas comunidades.

Deja un comentario