María Sampedro felicita a Thomas Borges e Olivia Martínez pola súa creatividade ilustrando o Nadal de Ribeira
O Concello entregoulles 300 euros en premios baixo o formato de vales de compra
A alcaldesa de Ribeira, María Sampedro, fixo entrega dos premios a Thomas Borges Vega, do Galaxia, na modalidade de cartel, e Olivia Martínez Pego, do CEIP Palmeira, na de postal, por ser os gañadores dunha nova edición do Concurso Escolar de Deseño de Cartel e Postal de Nadal. Este certme contou coa participación de máis de 500 nenos e nenas dos colexios de Palmeira, Castiñeiras, Oleiros, Frións, Artes, Carreira, Galaxia, O Grupo e Bayón, así como da Asociación Ambar.
O xurado que deliberou cales das propostas merecía as distincións estivo composto pola concelleira de Cultura, Ana Barreiro; o xestor cultural municipal, Unai González; e os artistas Fernando Yáñez e Goretti Bello.
A rexedora e a edil fixeron hoxe entrega dos premios a Thomas e Olivia; un recoñecemento de cadanseus 150 euros baixo o formato de vales de compra para material escolar e libros no comercio local, ademais dun diploma e ser as imaxes que ilustren a época do Nadal en Ribeira.
“Os máis pequenos son os protagonistas indiscutibles destas datas e, con este concurso, acadan máis importancia, se cabe, no noso Nadal co seu talento para ilustrar o sentimento ribeirense. Unha iniciativa na que involucramos a familias e comunidade educativa e que tamén redunda positivamente no noso comercio a través dos premios”, en palabras da mandataria local.
Tamén se pronunciou a edil, para quen “os nenos tamén son os que nos agasallan ao conxunto da sociedade ribeirense coa súa creatividade. Eles son os nosos mellores embaixadores para felicitar as festas nestas datas.”




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.