Wednesday 03 de December de 2025

Julia Benedetti, Enmanuel Reyes, Paula Otero ou Ignacio Mateo entre as persoas beneficiarias das bolsas a deportistas individuais 2025


Concedidas 66 axudas económicas a deportistas coruñeses e coruñesas de máis de 30 modalidades deportivas

O Concello da Coruña vén de publicar a resolución definitiva do programa municipal de bolsas a deportistas individuais para o ano 2025.

Trátase dunha iniciativa impulsada polo Goberno de Inés Rey co obxectivo de apoiar o talento local e contribuír ao desenvolvemento das traxectorias deportivas individuais de persoas empadroadas na cidade que compiten en disciplinas non colectivas.

A convocatoria contou cun orzamento total de 150.000 euros e permitiu conceder 66 bolsas, distribuídas segundo o nivel competitivo das persoas solicitantes. As axudas están destinadas a sufragar gastos derivados da actividade deportiva, como desprazamentos, licenzas federativas, inscricións en competicións ou adquisición de material técnico.

Entre as persoas beneficiarias destacan nomes como a skater olímpica Julia Benedetti, o boxeador internacional Enmanuel Reyes “El Profeta”, a nadadora Paula Otero ou Ignacio Mateo que vén de disputar o Open de España con golfistas como Jon Rahm, que forman parte dunha lista de máis de 30 modalidades deportivas representadas nesta edición.

As 66 bolsas concedidas abranguen máis de 30 modalidades deportivas, desde disciplinas olímpicas e paralímpicas como natación, atletismo, judo ou halterofilia, ata outras como orientación, ximnasia rítmica, patinaxe, esgrima ou pesca deportiva.

Desde o Goberno municipal incídese na aposta continuada polo impulso ao deporte individual, dentro da estratexia promovida polo Goberno de Inés Rey para apoiar o talento deportivo local. “Un respaldo esencial para que as e os deportistas poidan seguir competindo e formándose”, sinalou o concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez..

Deja un comentario