Wednesday 03 de December de 2025

Máis de cen entidades sociais de toda Galicia déronse cita hoxe no Parrote polo Día Internacional das Persoas con Discapacidade


A alcaldesa, Inés Rey, e a concelleira de Benestar Social, Participación e Igualdade, Nereida Canosa, participaron esta mañá nos actos programados pola décima edición da iniciativa ‘Baixo o mesmo paraugas’

Hoxe ao mediodía, máis de cen entidades sociais de toda Galicia amosaron a súa forza no Parrote coa iniciativa ‘Baixo o mesmo paraugas’, convocada co gallo do Día Internacional das Persoas con Discapacidade e que reuniu a entidades, familias e representantes das Administracións públicas conmemorando a décima edición deste acto.

A alcaldesa, Inés Rey, e a concelleira de Benestar Social, Participación e Igualdade, Nereida Canosa, participaron na lectura do manifesto para reivindicar os dereitos das persoas con diversidade funcional. Fixérono acompañando a seis persoas con discapacidade e a un alumno que representou aos centros educativos coruñeses, tamén coa presenza de Ricardo Iglesias, xerente de ASPACE Coruña, impulsora desta campaña que cobrou vida hai case unha década e, cada ano, suma a máis asociacións e entidades.

Na súa intervención, Rey puxo en valor aquela semente de ASPACE lembrando que “cada pequeno logro acadado neste sentido, fose no eido laboral, social ou xurídico, tamén chegou grazas a iniciativas como esta”.

Ademais, a rexedora destacou moi concretamente o papel “de todas as persoas que traballan pola inclusión real das persoas con diversidade funcional: as entidades do terceiro sector e as persoas voluntarias, e en especial das familias, porque son o motor que permite seguir avanzando para acadar logros que décadas atrás parecían inalcanzables ou que nin sequera estaban sobre a mesa das Administracións públicas”. Rey aludiu a cuestións tan importantes “como garantir a accesibilidade universal nos espazos públicos, mais tamén do recoñecemento da igualdade real de oportunidades, que cada vez vemos máis preto”, concluíu.

O acto do Parrote rematou cunha imaxe chea de simbolismo que acompaña a cada edición desta campaña: unha marea de paraugas de cores ao aire, que representa a loita por promover a visibilización e apoio ás persoas con discapacidade, co obxectivo de fomentar a inclusión e e a igualdade nunha sociedade plural.

Deja un comentario