Este espectáculo de Nadal desenvolverase no 6 de decembro
Unha nova cita de Nadal con fins solidarios chega a Ribeira. A academia de inglés Kids&Us organiza un festival solidario a favor da Fundación Andrea, coa colaboración do Concello, que terá lugar no sábado, 6 de decembro, ás 17.00 horas, no antigo Auditorio municipal.
A rapazada será a protagonista nunha gala presentada por eles mesmos integramente en inglés, onde haberá cancións, teatro e baile.
Contará coa participación dunha trintena de nenos e nenas con idades comprendidas entre os 3 e os 10 anos.
Durante a presentación, o concelleiro de Servizos Socias, Vicente Mariño, fixo fincapé na importancia deste tipo de iniciativas “que buscan a implicación da sociedade a favor dunha causa, alentando así o espírito colaborador propio destas datas. Trátase dun festival feito por nenos e para nenos. A rapazada da academia de inglés presentará este espectáculo co que se busca recadar fondos para a Fundación Andrea de apoio a nenos con enfermidades de longa duración, crónicas ou terminais.”
Pola súa parte, Lorena Romero, directora de Kids&Us, acompañada de Verónica Hermo, coordinadora pedagóxica, explicou que non é o
primeiro ano que colaboran coa Fundación Andrea, se ben si o fan baixo o formato de festival. Deste xeito, a cidadanía amosará a súa solidariedade e o alumnado terá tamén ocasión de practicar o seu nivel de inglés.
As entradas poden adquirirse a un prezo de 5 euros no propio local de Kids&Us, situado na rúa Xohana Torres, ata o venres 5, de decembro, en horario de 10.00 a 13.30 e de 16.00 a 20.30 horas.
Todo o recadado irá destinado á Fundación Andrea. Ademais, no transcurso da gala, rifaranse agasallos doados por empresas da contorna.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.