Wednesday 03 de December de 2025

Novo pulo á expansión de BiciCoruña polos barrios da cidade, coa posta en rúa de dúas novas estacións nos Mallos e outra a carón do mercado de Monte Alto


O Concello traballa estes días na instalación de máis bases para reforzar o servizo municipal e dar resposta á demanda existente nos distritos

O Concello avanza estes días coa súa folla de ruta ao abeiro do plan de expansión de BiciCoruña, que hoxe incorporou tres novas bases entre os barrios dos Mallos e Monte Alto, co obxectivo de satisfacer a demanda existente e atendendo ao estudo dos fluxos de mobilidade das persoas usuarias do servizo.

A concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz, apuntou que “entre os diversos perfís existentes, temos os das veciñas e veciños que usan BiciCoruña para desprazamentos laborais, xeralmente dos barrios á zona centro e, en consecuencia, tamén con viaxes de volta en sentido inverso”.

Neste sentido, hoxe iniciáronse os trámites para reforzar o servizo nos Mallos, coa posta en rúa de dúas novas estacións na rúa Eusebio da Guarda e outra a carón do centro cívico, un dos principais equipamentos públicos do barrio. Ambas as bases son eléctricas.

Ademais, tamén se instalou unha terceira base a carón do mercado municipal de Monte Alto, que abrirá as súas portas proximamente coa súa nova imaxe, tras completarse os traballos de rehabilitación impulsados polo Concello, cun investimento de dez millóns. “O novo mercado vai supor un efecto tractor moi importante para o barrio e ao habilitar esta nova estación de BiciCoruña tamén incentivamos os desprazamentos á súa contorna con vehículos alternativos e de emisións cero”, indicou Díaz.

A edil lembrou que a instalación das estacións é o primeiro paso de cara á súa posta en funcionamento. “A activación das bases de BiciCoruña é froito dun traballo de continuidade.

En primeira instancia, ponse a estación en rúa. Mentres se tramita a alta do subministro eléctrico, tamén é necesario efectuar probas técnicas do sistema e o seu software. Unha vez se comproba que todo funciona correctamente, é cando se dá luz verde para habilitar o uso da base en cuestión”, explicou Díaz.

Deja un comentario