Wednesday 03 de December de 2025

O Concello investirá case un millón de euros na segunda fase das obras de reurbanización no grupo de vivendas María Pita, no barrio de Labañou


A Xunta de Goberno Local aprobou hoxe o texto do protocolo a tres partes entre Repsol, a AAVV de Bens-Mazaído e o Goberno local, que permitirá construír un novo parque infantil entre os núcleos de Bens e Mazaído

Novo pulo ao Plan de Barrios 2025-27 impulsado polo Concello, que hoxe aprobou na Xunta de Goberno Local a adxudicación da segunda fase das obras de reurbanización no grupo de vivendas María Pita, no barrio de Labañou, cun investimento previsto de case un millón de euros.

A alcaldesa, Inés Rey, informou en rolda de prensa da liña de acción que se seguirá nesta nova fase, a segunda das cinco que están planificadas para revitalizar os espazos públicos deste núcleo residencial de Labañou, con actuacións en rúas como Tomás Fábregas:
“Apostamos por gañar máis accesibilidade para as veciñas e veciños e a implementación de medidas de reforzo da seguridade viaria na contorna dos bloques de vivendas. Tamén melloraremos as infraestruturas da zona e incrementaremos as áreas verdes e superficies de lecer para a veciñanza con respecto ás que hai agora”.

Os traballos, que contan con financiación europea a través dos fondos Next Generation, serán executados pola UTE Citanias – Aglomerados y Construcciones Valdeorras, adxudicataria do contrato tal e como se notificou hoxe na Xunta de Goberno Local.

Luz verde ao acordo a tres partes do futuro parque infantil de Bens

Tamén ao abeiro das actuacións que contempla o Plan de Barrios 2025-27, hoxe aprobouse o texto do protocolo que o Concello asinará proximamente coa compañía Repsol Petróleo e a Asociación de Veciños de Bens-Mazaído, un acordo que posibilitará a construción dun parque infantil moi preto dos núcleos residenciais de Bens e Mazaído.

Este acordo a tres bandas susténtase da seguinte forma: Repsol efectuará unha doazón económica á asociación veciñal para sufragar a adquisición dunha parcela de 1.100 metros cadrados e uso rústico, onde se acometerá a construción da área de xogos. Antes de executala, a AAVV cederá o terreo ao Concello e, desta forma, o Concello executará este novo equipamento destinado ás crianzas.

A parcela onde se construirá a área de xogos está moi preto do local veciñal e tamén da pista deportiva cuberta de Bens-Mazaído.

Inés Rey valorou este acordo como “un bo exemplo de como a colaboración público-privada ten un impacto positivo sobre a veciñanza, dando resposta ás súas necesidades”.

Luz verde ao acordo a tres partes do futuro parque infantil de Bens

Noutra orde de asuntos, a Xunta de Goberno Local aprobou hoxe a saída a concurso do contrato de subministro que nos permitirá incorporar máis de 4.100 novos contedores para modernizar o sistema de recollida do lixo, especialmente da materia orgánica.
Destes 4.100 contedores, 650 terán unha capacidade de 1.800 litros cada un, a súa recollida será de carga lateral e, ademais, contarán cun novidoso peche electrónico e un control automático de capacidade, o que axudará a regular o seu uso a medida que se vaian enchendo. Os outros 3.500 contedores, de carga traseira, terán capacidades máis pequenas e están orientados á recollida domiciliaria de biorresiduos.

A incorporación destes contedores por parte do Concello suporá un importante investimento que contará con financiación europea. A este contrato, que sae a concurso por 2,3 millóns, sumarase máis adiante o correspondente ao subministro dos novos mini-puntos limpos, “que tamén suporá un desembolso importante mais necesario para optimizar a recollida do lixo grazas á separación en orixe”, indicou a alcaldesa.

Licenza para 45 novas vivendas no 270 da rolda de Outeiro

Xa no referente ao balance dos permisos urbanísticos concedidos polo Concello na última quincena do mes de novembro, cómpre destacar a licenza outorgada para a construción de 45 novas vivendas no soar existente no número 270 da rolda de Outeiro. O investimento previsto pola empresa promotora é de 4,2 millóns.

Por outra banda, o Concello tamén aprobou os permisos necesarios para a rehabilitación integral dos números 46 e 48 da rúa Orzán, dous edificios que se destinarán a usos residenciais. “Ambos os edificios están en ruínas, ante a inacción da propiedade con respecto ás súas obrigas atendendo á normativa municipal. Ademais, Urbanismo emitiu expedientes sancionadores ao respecto este mesmo ano. Ao conceder a licenza para recuperalos, avanzamos co noso obxectivo de contribuír á rehabilitación de inmobles na Coruña e facilitar así a creación de máis vivenda na cidade”, explicou a rexedora.

Deja un comentario