Tuesday 02 de December de 2025

Iniciado o proceso de adquisición dos últimos terreos necesarios para completar a apertura da vía que enlazará o polígono de Bértoa coa estrada de Razo


A Xunta de Goberno Local vén de aprobar de xeito inicial o proxecto de expropiación dos últimos terreos necesarios para completar a apertura da futura vía que enlazará o polígono industrial de Bértoa coa estrada de Razo, en concreto no treito comprendido entre as súas Marte e María Mariño. O Concello de Carballo destina un total de 64.021,52 euros ao pago das parcelas afectadas, que, como no resto da vía, forman parte do trazado previsto no PXOM vixente desde o ano 2016.

O proxecto inclúe unha superficie de 838 metros cadrados de terreos clasificados no PXOM como solo urbano consolidado destinado a sistema viario, e repartidos en sete parcelas con superficies que oscilan entre os 12 metros cadrados da máis pequena ata os 478 da máis grande, que xa é propiedade municipal.

Tras a aprobación inicial, o expediente someterase a información pública a partir da súa publicación no Diario Oficial de Galicia. As persoas directamente interesadas serán notificadas de xeito individual.

Unha vez completado o proceso de adquisición destes terreos, o Concello de Carballo disporá xa de todo o solo necesario para realizar a actuación. O proxecto da vía está dividido en cinco treitos. O primeiro, que é o máis próximo ao polígono industrial, quedou aberto ao tráfico o pasado 24 de setembro, e xa se está a utilizar de maneira masiva como alternativa á estrada comarcal. Este primeiro tramo esténdese ata a avenida dos Abetos, ao longo de 800 metros.

O terreo para a segunda fase tamén se conseguiu mediante un proceso de expropiación, que xa está rematado. O treito entre as rúas Marte e María Mariño é o correspondente á terceira fase, mentres que a cuarta e a quinta xa teñen o solo dispoñible: na cuarta, grazas a un convenio coa propiedade e, na quinta, porque xa é de propiedade municipal.

Deja un comentario