O taller desenvolveuse en dúas quendas
O XIX Premio Internacional de Arte Gráfica Jesús Núñez achegou nesta xornada ao Centro Cultural Lustres Rivas un obradoiro de gravado impartido por Pedro Galilea, da Fundación Centro Internacional da Estampa Contemporánea de Betanzos, e Pablo Muñoz, do estudo Río Río.
Nesta mañá pasaron pola instalación cultural unha vintena de alumnos de 3º da ESO do Galaxia xunto co seu profesor de Arte, Fernando Yáñez, onde aprenderon todo o proceso para obter unha estampa a punta seca: debuxo, gravado, entintado e impresión.
Pola tarde, a sesión formativa contou coa participación de público adulto, entre eles, creadores locais. Ata alí tamén se desprazaron a alcaldesa de Ribeira, María Sampedro, e a concelleira de Cultura, Ana Barreiro.
Exposición aberta ata o 13 de decembro
Nesta dependencia municipal tamén se pode visitar ata o 13 de decembro unha escolma de 23 de obras que conforman a mostra correspondente co dito Premio na súa edición do 2024, promovida pola Deputación da Coruña.
A dita exposición atópase integrada por creacións procedentes de diferentes técnicas escollidas polo xurado do dito certame anual. Entre as pezas exhibidas atópase a gañadora desta edición: a serigrafía A la deriva II, de José Andrés Santiago. Tamén se pode contemplar a mención de honra Nevado II, de Miriam Canera Arranz.
A sala pódese visitar de luns a venres, de 10.00 a 14.00 e de 18.00 a 21.00 horas, ademais dos sábados, desde as 10.00 ata as 14.00 horas.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.