Tuesday 02 de December de 2025

Rueda aposta por potenciar a colaboración público-privada para consolidar a Galicia como unha potencia en enerxía renovables


 Pon en valor o esforzo do Goberno galego co desenvolvemento das renovables e cun modelo eólico xusto e ordenado

 Valora o traballo realizado polo Clúster en favor da economía galega e da creación de postos de traballo nun sector con moito futuro

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, acompañado pola conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, apostou hoxe por potenciar a colaboración público-privada para seguir consolidando a Galicia como unha potencia en enerxías renovables.

Durante a súa intervención esta mañá no 15 aniversario do Clúster de Enerxías Renovables de Galicia (Cluergal), Rueda valorou o traballo realizado polo Clúster en favor da economía galega e da creación de postos de traballo nun sector “con tanto futuro”.

En materia de enerxías renovables, o presidente salientou “o presente e futuro” da enerxía eólica, e subliñou que a súa presenza favorece a existencia doutras industrias que precisan dela. Por este motivo, puxo en valor o esforzo do Goberno galego co desenvolvemento das renovables e cun modelo eólico xusto e ordenado, tamén no mar, reivindicando a importancia da repotenciación para “minimizar o impacto no medio ambiente”.

Nesta materia, Rueda demandou o apoio do sector ante a situación de paralización xudicial de novas instalacións eólicas en Galicia ou o recurso do Goberno central ás medidas de repotenciación galegas, todo nun momento no que a nosa comunidade ”xógase moito”.

O titular do Executivo galego destacou que Galicia conta con recursos “para poder transformar a nosa natureza en aproveitamento económico” dun xeito ordenado e respectuoso.

A Xunta está a impulsar varias medidas neste eido como a Lei de recursos naturais, unha normativa pioneira que garante que calquera proxecto, ademais de ser ambientalmente viable, asegure a xeración de riqueza social e económica na zona onde se implante; a sociedade mixta Recursos de Galicia -na que a Xunta é a principal accionista-, que xa comezou a adquirir os primeiros activos; ou o novo Plan sectorial eólico, no que xa está traballando o Goberno galego.

Deja un comentario