Tuesday 02 de December de 2025

Belén do Campo visita o xacemento do Castro da Croa en Pobra do Caramiñal para supervisar as obras de conservación impulsadas co apoio da Xunta


A delegada da Xunta destacou que o Goberno autonómico está investindo 18.000 euros nuns traballos que comenzaron o pasado luns 1 de decembro

A delegada da Xunta, Belén do Campo, acompañada polo director territorial da Consellería de Cultura Lingua e Xuventude, Severino Álvarez,
visitou hoxe o xacemento arqueolóxico Castro da Croa na parroquia de San Isidro de Posmarcos, no concello da Pobra do Caramiñal, co fin de supervisar o inicio das obras de conservación e mellora que se están a executar co apoio do Goberno galego, a través da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

Durante a visita, Belén do Campo destacou a importancia de actuar con carácter prioritario en xacementos que, como este, reúnen valores históricos excepcionais e un alto interese social, poñendo o foco na súa preservación, na seguridade das persoas visitantes e na divulgación do patrimonio á comunidade local.

As obras que se están a levar a cabo están enmarcadas nun proxecto de intervención coordinado coa Dirección Xeral de Patrimonio Cultural e inclúen sondaxes arqueolóxicas valorativas para a detección de posibles estruturas soterradas, cunha área estimada de actuación de 60 m², análise, tratamento e depósito dos materiais arqueolóxicos recuperados no museo correspondente, documentación fotográfica e videográfica, incluíndo tomas aéreas oblicuas e verticais, vídeo e fotografía de detalle, levantamento topográfico xeorreferenciado e fotogrametría 3D, ademais de debuxo arqueolóxico das estruturas exhumadas.

Ademais, o proxecto tamén contempla a diagnose do estado de conservación das estruturas que poidan aparecer, un plan de protección e tapado das sondaxes, e, de ser necesario, a cubrición diferencial das estruturas localizadas, accións de difusión en redes sociais, unha charla divulgativa final en coordinación co concello e, se as condicións de seguridade o permiten, xornadas de portas abertas durante a intervención, o deseño e instalación dun cartel sinalizador interpretativo e a elaboración da memoria técnica e do proxecto de intervención, que recollerá os resultados dos traballos de campo.

O Castro da Croa é un ben de alto valor histórico e patrimonial, incluído no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia e declarado Ben de Interese Cultural (BIC). Trátase dun recinto fortificado de forma oval, circundado por terraplén, con muralla pétrea e foso defensivo, cunha superficie principal de 8.804 m², propiedade municipal desde 2024.

A delegada concluíu reafirmando o compromiso da Xunta co patrimonio histórico, lembrando que este tipo de actuacións non só conservan a historia, senón que fortalecen a identidade cultural e dinamizan o interese polo noso pasado desde o ámbito local.

Deja un comentario