Tuesday 02 de December de 2025

O Quiosco Alfonso acolle unha ampla retrospectiva do artista Xavier con máis de cen obras


A mostra ‘Xavier: Momentos naturais’ abrirá ao público este mércores 3 de decembro

A alcaldesa, Inés Rey, presentou esta mañá no Quiosco Alfonso a exposición ‘Xavier: Momentos naturais’, unha ampla retrospectiva que percorre case cincuenta anos de creación do artista Xavier Vilató, sobriño neto de Pablo Picasso e herdeiro dunha estirpe de creadores que inclúe nomes como Josè Ruiz Blasco, Élie Lascaux ou Daniel-Henry Kahnweiler. O artista desprazouse á cidade para asistir á presentación desta mostra, que permanecerá aberta ata o 28 de febreiro, con acceso libre para a cidadanía.

A mostra reúne máis de cen obras realizadas entre 1977 e 2025, incluíndo pintura, gravado, escultura e cerámica, e está estruturada en nove momentos creativos e dous gabinetes temáticos. “Acoller esta mostra de Xavier é moito máis ca unha exposición: é un diálogo entre pasado e presente, entre memoria e innovación”, indicou Inés Rey durante a súa intervención.

A rexedora estivo acompañada durante o acto polo concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, e polo conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos.

A alcaldesa definiu a Xavier como “un artista plural, que explora pintura, escultura, gravado, cerámica e mesmo cinema”. Nesta mostra comisariada por Marta Volga e Rubén Ventureira, a natureza é protagonista: non só como tema, senón como linguaxe e espazo de reflexión.

Cada serie é un “momento” vital, unha invitación a contemplar e sentir, a descubrir a beleza e o sentido que a arte pode achegar ás persoas. “Para o Concello, esta exposición representa tamén a aposta firme pola calidade das mostras culturais que ofrecemos nos nosos espazos.

Queremos que a cidadanía e quen nos visita atopen aquí propostas que emocionen, que conecten coa historia e que proxecten a cidade como referente cultural galego e nacional”, sinalou Inés Rey.

A exposición é tamén unha homenaxe á memoria familiar e á historia da arte, pechando un ciclo emocional que une a cidade coa saga Picasso. Como cidade picassiana,esta mostra intégrase na programación anual organizada polo Concello ao redor do artista, tanto na súa Casa Museo como no resto de espazos culturais municipais. Como sinalou a alcaldesa, “A Coruña segue a ser terra fértil para a arte e para os soños. Esta mostra é unha invitación a contemplar, sentir e descubrir a beleza e a liberdade creativa”.

A mostra ‘Xavier: Momentos naturais’ abrirá ao público este mércores 3 ás 19.30 horas e poderá visitarse ata o vindeiro 26 de febreiro no horario de apertura do Quiosco Alfonso, de luns a domingo de 12.00 a 14.00 e de 18.00 a 21.00 horas. Acompañando esta mostra faranse visitas guiadas que se desenvolverán os sábados 20 e 27 de decembro e o 3 de xaneiro ás 12.00 horas. Haberá 25 prazas por visita e a reserva deberá facerse de maneira presencial no Quiosco.

Deja un comentario