A competición reunirá a 140 xogadores e xogadoras de categoría infantil procedentes de Galicia e do norte de Portugal
As semifinais disputaranse o sábado ás 20.00h e a final o domingo ás 16.00h no Palacio dos Deportes de Riazor
A cidade da Coruña será escenario esta fin de semana da XII edición do Torneo do Eixo Atlántico de hóckey a patíns, unha cita xa consolidada no calendario deportivo da eurorrexión Galicia–Norte de Portugal. A competición reunirá a 140 xogadores e xogadoras da categoría infantil procedentes de catorce equipos galegos e portugueses.
Os encontros disputaranse os días sábado 6 e domingo 7 de decembro en tres instalacións da cidade: o Palacio dos Deportes de Riazor, a Polideportiva nº1 de Riazor e o Pavillón Polideportivo de Monte Alto. Os equipos participantes, na súa maioría de fóra da cidade, estarán aloxados no cuartel de Atocha, na Coruña, e no albergue xuvenil de Gandarío, en Bergondo, desde onde se desprazarán diariamente en autobús ás sedes da competición.
A fase clasificatoria desenvolverase ao longo da xornada do sábado, con 24 encontros distribuídos entre os tres pavillóns. Pola tarde celebraranse os partidos que determinarán os equipos finalistas. As semifinais están previstas para as 20.00 horas, mentres que a final se xogará o domingo ás 16.00 horas no Palacio dos Deportes de Riazor. Ao remate, ás 17.00 horas, terá lugar a entrega de trofeos.
O sorteo da competición celebrouse hoxe no Palacio dos Deportes de Riazor, nun acto no que participou o concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, quen destacou que este torneo “consolida a Coruña como referente na organización de eventos deportivos que combinan competición, convivencia e valores, nun espazo no que mozos e mozas galegos e portugueses poden compartir experiencias a través do deporte”.
A iniciativa enmárcase na estratexia do Goberno de Inés Rey para reforzar a proxección da cidade como sede de eventos deportivos con vocación internacional e para continuar promovendo a práctica deportiva en idade escolar, co foco posto na cooperación e o intercambio entre territorios da eurorrexión.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.