Tuesday 02 de December de 2025

Rueda pon en valor os 400 galegos do exterior que puideron regresar a Galicia grazas ao programa Retorna Cualifica Emprego


 Destaca que se trata dunha iniciativa, pola que xa se interesaron outras comunidades, que permite aos retornados “mellorar as súas oportunidades” e “garante a súa integración”

 Salienta a importancia da colaboración público-privada para executar este programa que permite cubrir vacantes laborais e paliar os problemas demográficos da comunidade

 O programa forma parte da Estratexia Galicia Retorna 2023-2026, dotada con 450 M€ e que busca facilitar o regreso de 30.000 galegos entre 2023 e 2026

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe o impacto das dúas edicións do programa Retorna Cualifica Emprego, que xa facilitaron o regreso duns 400 galegos procedentes de 21 países e a súa incorporación ao tecido produtivo da comunidade. “Un programa que ofrece aos galegos do exterior vir aquí traballar, mellorar a súa vida, ter máis oportunidades e que garante a súa integración”, indicou.

Así o destacou esta mañá en Betanzos durante un encontro con algúns dos preto de trinta participantes nesta iniciativa que xa comezaron a traballar no grupo Gadisa. Neste sentido, Rueda destacou a importancia da colaboración público-privada para facer posible este retorno e axudar tamén a dinamizar o territorio, xerando oportunidades laborais en toda a comunidade, tanto nas zonas urbanas como nas rurais. “É preciso contar con empresas potentes e recoñecidas como é Gadisa”, indicou.

O obxectivo da Xunta, tal e como apuntou, é ofrecer unha oportunidade aos galegos e galegas no exterior para que poidan desenvolver un proxecto de vida na súa terra. Para iso, no marco deste programa, a Administración autonómica facilita o regreso de menores de 55 anos, ofrecéndolles un posto de traballo estable; inclúe axudas específicas para o acceso temporal ao alugueiro; conecta perfís laborais coas necesidades de talento que trasladan as empresas adheridas ao programa; e ofrece facilidades e acompañamento ao longo de todo o proceso. Neste sentido, salientou o dobre beneficio que propicia esta iniciativa ao atraer talento e experiencia á comunidade, ao mesmo tempo que axuda a cubrir vacantes laborais.

Polo tanto, o presidente salientou o apoio do Goberno galego a este programa ao destinar 2,3 millóns de euros este ano para favorecer o regreso de máis galegos residentes no exterior e que exemplifica o modelo de captación de talento ordenado, planificado e vencellado ás necesidades do tecido produtivo que está a potenciar a Xunta. “Trátase dunha medida que permite paliar os problemas demográficos e devolverlles un pouco de todo o que eses países nos deron hai moito tempo”, indicou para asegurar que é unha iniciativa pola que xa se están interesando outras comunidades.

Tal e como explicou Retorna Cualifica Emprego forma parte da Estratexia Galicia Retorna 2023-2026, dotada con 450 millóns de euros e mediante a cal a Xunta de Galicia pretende facilitar nese período de tempo o regreso de 30.000 galegos.

O próximo ano, o Goberno galego seguirá potenciando este modelo propio, que inclúe a galegos retornados como prioridade pero tamén a traballadores de 3º países, sumando novas ferramentas como a Oficina de Atracción de Talento e a orde para rehabilitar vivendas destinada a traballadores incorporados neste plan.

Última edición do programa
Na segunda edición do Retorna Cualifica Emprego, agora culminada, foron seleccionadas 200 persoas cunha idade media de 35 anos, distribuídas en 46 concellos e incorporadas a 71 empresas.

A estas, compre sumar as preto de 160 persoas acompañantes, xa que unha alta porcentaxe dos participantes regresa coa súa familia, o que evidencia a dimensión social e integradora do programa. Como novidade, este ano celebráronse por primeira vez accións en orixe, con feiras de emprego específicas o pasado mes de marzo na Arxentina e no Uruguai, que contaron con máis de 3.500 asistentes, a participación de cinco clústeres e unha vintena de empresas de sectores estratéxicos.

Deja un comentario