• Reprocha ao goberno municipal non presentar alegacións á promotora, que logrou que se anulase o acordo do Pleno que rexeitou o crédito extraordinario como única alternativa de pago
• Izaskun García, portavoz popular: “A nefasta xestión urbanística do alcalde está a custarnos millóns de euros. Culleredo queda sen diñeiro”
O Grupo Municipal do Partido Popular de Culleredo denuncia que o alcalde, José Ramón Rioboo, é o único responsable de que Culleredo teña que aprobar un crédito extraordinario para afrontar a sentenza xudicial que condena ao Concello a pagar 1,3 millóns de euros polo convenio urbanístico incumprido desde 2003 polo que se cederon os terreos e o pazo de Villa Melania.
A portavoz popular, Izaskun García, advirte que o fallo é firme desde 2023 e Rioboo puido presentar orzamentos en 2024 e en 2025 que incluísen unha partida específica para abordar o pago “sen recorrer a un crédito extraordinario como única saída”. “O que ocorreu é consecuencia directa de dous anos de absoluta inacción e neglixencia do alcalde porque seguimos cos orzamentos prorrogados, sen avanzar no PXOM e sen planificación”, afirma.
O PP destaca que nunca bloqueou o cumprimento da sentenza de Villa Melania e que o debate nunca foi pagar ou non pagar, “senón como pagar e quen asumía responsabilidades por gobernar sen previsión e en base a parches”. O grupo municipal popular optou hoxe pola abstención na proposta do modificativo “para non alongar o problema nin encarecelo a partir de xaneiro cos intereses de demora”.
Neste sentido, Izaskun García advirte que xa hai outra demanda no xulgado, con outros 18 millóns de euros en xogo, por incumprir o convenio polo que se cederon terreos para construír o paseo marítimo do Burgo e que non pode afrontarse, de novo, con cargo o remanente de tesourería, a hucha municipal. “A nefasta xestión urbanística do alcalde está a custarnos millóns de euros. Culleredo queda sen diñeiro para estradas, parques, aparcamentos, subvencións, servizos sociais…”, sinala.
Os populares critican, ademais, que o Concello deixase ao Pleno “ao pé dos cabalos” ao non defender no xulgado o acordo plenario adoptado en setembro pasado de rexeitar o crédito extraordinario proposto polo alcalde para pagar a condena de Villa Melania. A promotora solicitou a nulidade e medidas coercitivas, e o Concello non contestou nin presentou alegacións. “Por esa deslealdade institucional –explica García– a xuíza anulou o acordo plenario. Non porque a oposición fixese algo mal, como pretende vender o alcalde, senón porque Rioboo decidiu gardar silencio e deixou ao Concello sen defensa, nunha conivencia impropia dun servidor público”.


Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.