· O alcalde, José Carlos Vidal, recibiu á delegada territorial da Xunta de Galicia, Belén do Campo, que visitou o municipio polo inicio dos traballos.
· Os labores dependen da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, que achegou 18.000 euros para executalos.
O alcalde, José Carlos Vidal, recibiu, esta mañá, á delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, polo inicio da escavación no Castro da Croa de Postmarcos. Trátase duns traballos que dependen directamente da Dirección Xeral de Patrimonio e que se realizan despois da solicitude trasladada, en verán, polo rexedor. Neste encontro, o primeiro edil pedira a colaboración do organismo autonómico para afondar na historia do xacemento “un dos máis importantes e singulares da comarca”. A transcendencia destes traballos débese ao feito de que a Croa de Postmarcos “é o primeiro castro de interior que se escava no Barbanza”, apuntou Vidal.
O Castro da Croa foi adquirido polo Concello no 2024 para garantir a súa conservación e promover investigacións como as que están en marcha. Está considerado de tamaño medio e destaca por dous aspectos: por unha banda, por ser o único castro cun recinto circular no que se aproveitou o outeiro rodeado polo río e, pola outra, polo bo estado de conservación no que se atopa o seu sistema defensivo.
As tarefas que se van levar a cabo no Castro da Croa comprenderán unha superficie duns 60 metros cadrados, e permitirán indagar no que se sabe da Idade de Ferro en Galicia e sobre a orixe dos praestamáricos, un pobo que viviu nesta comarca durante esa etapa histórica.
A empresa Tempos Arqueólogos está asumindo a execución dos traballos, que contan cun investimento de 18.000 euros asumidos pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia. Está previsto que a campaña conclúa o venres, 12 de decembro.
José Carlos Vidal aproveitou a visita da delegada territorial para agradecer o papel da Xunta de Galicia “esencial para acometer escavacións como esta”. Así mesmo, subliñou a intención do goberno local de seguir “impulsando este tipo de iniciativas, que son fundamentais para seguir recuperando o noso legado e a nosa historia”.
Visita guiada
Tal e como xa se fixera coa prospección na Corte do Santo, está prevista a celebración dunha visita guiada aberta á cidadanía. Será o xoves, 11 de decembro, ás 16.00 horas partindo desde o Local da Comunidade de Montes de San Isidro de Postmarcos. Tanto os traballos actuais como a actividade fanse coa colaboración da Comunidade de Montes.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.