Tuesday 02 de December de 2025

Novo peche do túnel do Hórreo: Muíños acusa a Sanmartín de mentir e esixe solucións inmediatas


As concelleiras non adscritas reclaman esixen ao goberno local maior vontade de chegar a acordos cos sindicatos e fan un ultimátum: “ou solucionan a crise de Policía e Bombeiros canto antes ou a señora Sanmartín deberá ofrecer algún cambio no seu goberno”

O túnel do Hórreo volveu pechar esta noite por segunda vez en quince días: unha situación que, a ollos do concelleiro non adscrito, Gonzalo Muíños, demostra que a Alcaldesa “volveu mentir a toda a cidadanía”. Así o denunciou este martes lembrando que o goberno local xustificara o peche que se produciu na madrugada do xoves -por primeira vez na historia- pola morte dun familiar dun policía local: “dixeron que non tiveron tempo a buscar un reemplazo e acusáronnos de alarmistas, pero esta mañá volvemos vivir longuísimas retencións por culpa da falta de efectivos” de xeito que, “pola vía dos feitos vimos que a xustificación do xoves era mentira”.

Muíños insiste en sinalar que esta crise de seguridade débese “única e exclusivamente a unha neglixente xestión dos recursos humanos”, primeiro “acumulando máis de dous millóns de euros de horas extraordinarias sen aboar a Policía Local e Bombeiros” e, agora, cunha “incapacidade absoluta” para negociar cos sindicatos para que volvan prestar horas extras “imprescindibles para a viabilidade de ambos servizos”.

O propio Muíños xa cualificara de “falta de respecto” a proposta elevada polo goberno local para atender as subidas de salario que reclaman os axentes de ambos servizos: a proposta suporía que a hora extraordinaria se pague un céntimo máis que a ordinaria.

Solucións ou cambios

O portavoz das concelleiras non adscritas reclamou unha solución inmediata, que irremediablemente pasaría por chegar a un acordo cos sindicatos para que os axentes de Policía Local e Bombeiros prestasen novamente horas extraordinarias voluntarias, ao tempo que se desbloquean os procesos selectivos pendentes. De feito, lembra Muíños que hai 12 prazas pendentes de convocar para o servizo de bombeiros do 2023 e 2024.

Así as cousas, as non adscritas lanzan un ultimátum ao goberno local: “ou se alcanza unha solución canto antes ou a señora Sanmartín deberá ofrecer algún cambio no seu goberno, porque está claro que isto así non funciona” remataba Muíños este martes advertindo que “así o esixiremos”.

Deja un comentario