Tuesday 02 de December de 2025

San Sadurniño publica a segunda guía de linguaxe inclusiva e non sexista para construír igualdade a través da comunicación


A área municipal de Igualdade do Concello de San Sadurniño acaba de de editar a segunda Guía de Linguaxe Inclusiva e Non Sexista, un documento que actualiza e amplía a primeira versión publicada en 2013. O novo material encádrase nas accións do IV Plan de Igualdade municipal e ten como obxectivo reforzar o compromiso institucional coa erradicación das desigualdades a través da comunicación. A guía incorpora conceptos clave, exemplos prácticos e recomendacións que axudan a detectar e evitar usos discriminatorios da linguaxe, que é unha peza clave da construción social. O texto, que tamén se lles fixo chegar ás entidades do municipio, supón un paso máis na consolidación dun modelo comunicativo no que toda a veciñanza se vexa representada.

Esta nova publicación afonda no papel determinante que teñen as palabras á hora de construír unha sociedade máis xusta. E é que, segundo se explica na introdución, a linguaxe non é sexista por si mesma, senón que pode chegar a selo a través do uso que facemos dela. O manual lembra que, moitas veces de maneira inconsciente, reproducimos expresións ou fórmulas que invisibilizan as mulleres ou que consolidan a idea do masculino como medida universal. Por iso, a guía propón ferramentas prácticas para revisar e mellorar a maneira en que nomeamos a realidade.

A primeira edición da guía, redactada en 2013 pola área de Igualdade, supuxo un avance significativo na incorporación da perspectiva de xénero á comunicación municipal, froito tamén do compromiso do persoal do Concello. Con todo, o documento sinala que aínda persisten dúbidas ou restos de usos non adecuados tanto en textos administrativos como na comunicación cotiá, polo que resultaba necesario dar un paso máis con esta nova actualización.

Entre os contidos máis destacados inclúese un glosario de termos básicos relacionados coa igualdade, exemplos de erros habituais no uso da linguaxe e orientacións para substituílos por expresións inclusivas. O material inclúe tamén recomendacións específicas para facilitar a redacción de documentos oficiais, así como consellos prácticos que permiten evitar o masculino xenérico ou a reprodución de estereotipos.

A guía insiste tamén na responsabilidade das administracións públicas como axentes de cambio social. “A nosa forma de comunicar ten impacto na maneira en que as persoas perciben o mundo”, recóllese no texto, lembrando que a práctica constante é a mellor vía para naturalizar un uso non discriminatorio da linguaxe. Ademais, o documento anima a prestar atención a expresións cotiás, a visibilizar sempre ás mulleres e a revisar aquelas fórmulas que poidan transmitir ideas sexistas.

A publicación está dispoñible para descarga a través desta ligazón, co obxectivo de que poida servir como ferramenta de consulta e como impulso para continuar construíndo unha igualdade real dende a linguaxe. Ademais, o departamento de Igualdade tamén iniciou esta mesma semana o programa “Pingas de Igualdade”, consistente no envío ao correo electrónico do persoal municipal de pílulas informativas con contidos extraídos do manual. Pezas ás que tamén se lle engadirán definicións, novas, artigos e outra información cos que se pretende facilitar formación, sensibilizar e promover a reflexión sobre esta cuestión dentro da Administración local.

Deja un comentario