O guitarrista e compositor presentará un espectáculo exclusivo, acompañado polo seu cadro habitual de palmas e compás
O vindeiro venres 28 de febreiro de 2026, ás 21.00 horas, o Teatro Colón acollerá a actuación de Yerai Cortés, considerado unha das voces máis innovadoras e imprescindibles do flamenco actual. As entradas para este concerto único xa están dispoñibles a través da plataforma Ataquilla. “O Goberno de Inés Rey mantén a súa aposta por achegar aos recintos culturais da cidade propostas musicais de primeiro nivel, situando á Coruña como un referente nacional da música ao vivo”, indicou Gonzalo Castro, concelleiro de Cultura e Turismo.
Yerai Cortés presentará no emblemático escenario coruñés a súa proposta máis persoal, nun formato íntimo que aúna profundidade, virtuosismo e emoción. Trátase dunha actuación exclusiva que recolle a esencia do seu son cunha posta en escena coidada ao detalle.
Recoñecido pola súa capacidade para renovar a linguaxe do flamenco, Cortés é colaborador habitual de artistas como C. Tangana, Israel Fernández, Niño de Elche ou Rocío Márquez, e participou na banda sonora gañadora do Goya ‘Te estoy amando locamente’. A súa guitarra, marcada pola sensibilidade e a forza expresiva, converteuno nun dos músicos máis admirados da escena contemporánea.
Este concerto, promovido por Beatout Son Estrella Galicia co apoio do Concello, supón unha oportunidade única para gozar en directo dun artista que está a redefinir os límites do flamenco, mantendo a súa raíz e abrindo novas vías creativas.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.