O festival arrinca mañá mércores con dúas sesións dirixidas ao alumnado de infantil dos centros educativos do municipio
O Concello de Brión ten todo preparado para o inicio da oitava edición do festival Brión Inclúe, que do 3 ao 13 de decembro achegará unha ampla e variada programación pensada dende e para a inclusión real de persoas con discapacidade, que serán as principais protagonistas do certame tanto como creadoras e consumidoras de cultura. Un programa que arrincará mañá mércores 3 de decembro, coas dúas primeiras sesións do espectáculo “Un corazón a flor de pel”, da man de Caxoto.
O alcalde de Brión, Pablo Lago, destaca que “Brión Inclúe recolle unha ampla programación que reivindica o dereito de todas as persoas a crear e consumir cultura. E estamos convencidos de que, para seguir normalizando que a cultura é un dereito para todas as persoas e lograr unha sociedade verdadeiramente inclusiva, é fundamental a participación dos nosos nenos e nenas, por iso agradecemos a colaboración dos distintos centros de ensino do municipio que participarán nas actividades”.
Programación
Así, Caxoto, A trastenda dos contos, ofrecerá catro sesións de “Un corazón a flor de pel”, un espectáculo que aborda a educación para a saúde cunha función arredor da xestión emocional. Así, a rapazada aprenderá sobre a intelixencia emocional a partir das emocións que conviven no noso interior e sobre a importancia de identificalas e coñecelas para unha mellor xestión da nosa saúde emocional.
Os catro pases, exclusivos para o alumnado brionés, terán lugar no centro social polivalente: o mércores 3 de decembro para alumnado de educación infantil do CEIP de Pedrouzos e das escolas de educación infantil dos Ánxeles e Sabaxáns (11:15 horas) e de primeiro ciclo de Primaria do CEIP de Pedrouzos (13:00 horas). O mércores 10 de decembro terán lugar as dúas sesións restantes para o alumnado de 2º e 3º ciclo de Primaria do CEIP de Pedrouzos, tamén ás 11:15 e 13:00 horas.
O venres 5 de decembro, ás 11:00 e ás 12:30 horas, o Mago Richard presentará un espectáculo de ilusionismo dirixido exclusivamente a colectivos de persoas con discapacidade.
Finalmente, o sábado 23 de decembro, ás 18:00 horas, terá lugar unha sesión de teatro dirixida a un público familiar, con entrada libre e de balde ata completar o aforo do auditorio do centro social polivalente. Trátase de “Bulebule”, unha fermosa obra de Os Náufragos Teatro que explora os camiños da igualdade, destacando o esforzo das mulleres por derrubar as barreiras que lles impiden acceder a determinadas profesións.
“Bulebule” conta a historia de Candela, unha rapaza con trastorno por déficit de atención con hiperactividade (TDAH) á que lle encanta o mar e soña con ser patroa dun barco que ela mesma quere construír. A Candela gústalle pasar o tempo co seu amigo Bruno, quen vive nun faro e sinte verdadeira paixón por compoñer música.
“O obxectivo de Brión Inclúe é, por un lado, servir de escaparate para aqueles colectivos que traballan na inclusión social a través das artes, e, por outro, normalizar e dar visibilidade á diversidade funcional como parte propia da cidadanía. Sempre baixo o poder da cultura como ferramenta de integración e a necesidade de seguir reivindicando o dereito a facer e consumir cultura sen barreiras”, apunta Sandy Cebral, concelleira de Cultura.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.