O certame amplíase con tres modalidades para vivendas, fachadas e portais, e un concurso específico de escaparates dirixido a establecementos comerciais e de hostalería
O Concello adianta que Fene daralle a benvida ao 2026 cunha nova edición da súa Festa de Ano Novo
O acendido do alumeado de Nadal será este venres, 5 de decembro, ás 18h
O Concello de Fene vén de publicar as bases do II Concurso de Decoración de Nadal, unha iniciativa coa que busca fomentar a participación da veciñanza, embelecer as rúas durante as festas e contribuír á dinamización do comercio local.
O certame, impulsado pola área de promoción económica, regresa tras o éxito da primeira edición, na que se rexistraron proposta moi creativas, sostíbeis e cheas de espírito nadalicio.
A alcaldesa de Fene, Sandra Permuy, destacou que “esta iniciativa foi moi ben acollida o ano pasado, demostrando a ilusión e a implicación da veciñanza nas actividades municipais”. Pola súa banda, a concelleira de promoción económica, Ángeles Coira, subliñou que “o concurso contribúe a dinamizar o concello durante o Nadal, atraendo visitantes e fomentando que a xente se achegue ao comercio local”.
Participación, modalidades e premios
O prazo para participar no II Concurso de Decoración de Nadal permanecerá aberto até o 18 de decembro, data límite para enviar a inscrición ao enderezo electrónico desenvolvemento.local@fene.gal. Xunto ao formulario oficial, dispoñíbel en fene.gal, deberá achegarse unha fotografía da decoración presentada, indicando nome e apelidos, DNI, enderezo do inmoble a concurso, modalidade elixida, teléfono e correo electrónico de contacto. As decoracións deberán manterse activas e sen modificacións entre o 21 de decembro e o 6 de xaneiro, período no que o xurado realizará as visitas, en horario nocturno.
Poderán participar neste concurso todas as persoas maiores de idade empadroadas en Fene, sempre que dispoñan dun elemento exterior visíbel (vivenda unifamiliar, fachada, balcón, xanela ou portal) susceptíbel de ser decorado. Así, as bases establecen tres modalidades:
– Modalidade A. Vivenda unifamiliar.
– Modalidade B. Fachadas, balcóns ou xanelas.
– Modalidade C. Portais
Para seleccionar as propostas gañadoras, o xurado valorará aspectos como a creatividade e orixinalidade, a calidade da iluminación, o uso de materiais reciclados e a súa capacidade para reflectir a tradición popular do Nadal. Tamén se terá en conta a integración estética da decoración no espazo e a súa visibilidade desde o exterior, garantindo o espírito festivo.
O concurso establece un único premio por modalidade, consistente en tres cestas de produtos doadas por establecementos colaboradores: na categoría de Vivenda unifamilar, unha cesta gourmet ofrecida por Bodegas Barral; na modalidade de Fachadas, balcóns e xanelas, unha cesta cortesía de Eroski Center; e para a categoría de Portais, unha cesta achegada pola Cooperativa Santa María do Val. A entrega dos premios terá lugar o 5 de xaneiro, ao remate da Cabalgata de Reis.
Novo concurso de escaparates de Nadal
Outra das novidades é a posta en marcha dun Concurso de Decoración de Escaparates de Nadal, dirixido aos establecementos comerciais e de hostalería. Nel poderán participar todos aqueles locais que conten con escaparates na vía pública e manteñan a súa actividade durante o certame.
Neste caso, a inscrición deberá presentarse mediante o modelo dispoñíbel en fene.gal no Rexistro Municipal, de forma presencial ou a través da sede electrónica, até as 14:30 horas do 18 de decembro de 2025, xunto cunha fotografía do escaparate. Os escaparates deberán permanecer decorados entre o 18 de decembro e o 6 de xaneiro. Establécese un único premio consistente en diploma e promoción nos medios municipais (redes sociais e radio municipal). A entrega do premio tamén será o 5 de xaneiro, durante a Cabalgata.
Nadal en Fene: acendido das luces e Festa de Ano Novo
O Concello adianta tamén que o acendido do alumeado de Nadal realizarase este venres, día 5 de decembro, ás 18:00 horas, marcando oficialmente o inicio da programación festiva. Ademais do alumeado, volven á rúa os icónicos photocalls deseñados por Ito Mosquera, que inclúen figuras como o Apalpador, Papá Noel, Elfos ou unha galleta de xenxibre, e se poderán atopar nas diferentes parroquias
Por outra banda, Fene volverá recibir o ano coa súa tradicional Festa de Ano Novo, coa que se dará a benvida ao 2026 cun formato semellante ao dos últimos anos. Todos os detalles deste evento daranse a coñecer nos vindeiros días.
Con esta programación -que se suma a unha importante axenda cultural que inclúe contos, teatro, música e danza- o goberno local reafirma a súa aposta por un Nadal participativo, creativo e dinamizador, facendo da implicación da veciñanza e do comercio local os grandes protagonistas destas datas.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.