As distincións consistirán en cestas de produtos destas datas por un valor total de 2.620 euros
O Concello de Ribeira convoca unha nova edición dos concursos de embelecemento de Nadal en tres modalidades: decoración de fachadas, balcóns e xardíns; decoración de comercios e escaparates; e decoración de locais hostaleiros.
O obxectivo deste certame é alentar o espírito propio destas datas entre a cidadanía, convidando a que ornamenten o exterior das súas vivendas por estas datas para ter unhas rúas máis vistosas, ademais de dinamizar a participación da hostalería e do comercio mediante a decoración dos seus negocios, favorecendo a promoción das compras de proximidade.
A concelleira de Cultura, Ana Barreiro, expón que estes concursos “buscan involucrar de xeito activo aos nosos veciños para engalanar o exterior das súa casas, complementando así a decoración luminosa que poñemos dende o Concello nas rúas. Ademais, buscamos a participación do noso tecido económico para tal finalidade cos seus negocios.” En palabras similares tamén se pronuncia a súa homóloga de Promoción Económica, Carmen Pérez, para quen “é importante tamén ter tamén a implicación da hostalería e comercio, tanto do centro urbano coma do rural, para aportar maior espírito destas datas.”
No que respecta á modalidade de decoración de fachadas, balcóns e xardíns, entregaranse un total de 9 premios, un por parroquia, que consistirán en cestas con produtos de Nadal por valor de 200 euros cada unha.
En canto ás modalidades de decoración de comercios e escaparates e ornamentación de locais hostaleiros, outorgaranse un total de 4
premios que consistirán tamén en cestas con produtos de Nadal, distribuídos en dúas distincións por categoría: dous primeiros de 250 euros e dous segundos de 160 euros.
A decoración deberá estar exposta dende o 17 de decembro de 2025 ata o 6 de xaneiro de 2026, ámbalas dúas datas incluídas.
Método de inscrición
En tódolos supostos, disponse ata o 17 de decembro para inscribirse no certame enviando o documento de participación cuberto e un máximo de tres fotografías cos domicilios engalanados. No caso da modalidade de fachadas balcóns e xardíns, poderase enviar tamén, de xeito opcional, un vídeo cun tempo máximo de 15 segundos para os domicilios. Para a modalidade de fachadas, balcóns e xardíns habilítase o enderezo electrónico culturaefestexos@ribeira.gal, mentres que o comercio e a hostalería formalizarán o trámite en comercio@ribeira.gal ou no whatsapp do teléfono 686 587 000, ademais da ficha de participación debidamente cumplimentada.
O ditame do xurado darase a coñecer na última semana do mes de decembro.


Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.