Tuesday 02 de December de 2025

A Corporación municipal de Ribeira acorda traspasar a Unidade de Condutas Aditivas ao Sergas


 A transferencia atinxe aos servizos e medios persoais e materiais afectos á atención sanitaria

A Corporación municipal de Ribeira celebrou no mediodía de hoxe un Pleno extraordinario e urxente para avanzar sobre a asunción da Unidade de Condutas Aditivas (UCA) por parte do Sergas; un servizo que nestes anos de funcionamento atendeu a máis de 3.000 persoas usuarias de toda a comarca. A alcaldesa, María Sampedro, destacou a “satisfacción e orgullo” sobre este servizo grazas á “súa implicación e profesionalidade, que acabou converténdose nunha familia.”

Así, os edís adoptaron os acordos de traspasar á Comunidade Autónoma de Galicia os servizos e medios persoais e materiais afectos á atención sanitaria prestada pola referida unidade.

En canto ao persoal, esta transferencia atinxe a 12 traballadores.

Durante a sesión, a mandataria local indicou que facilitou á Consellería de Sanidade o convenio entre o Concello de Ribeira e Renacer con relación á asesora xurídica que presta servizo, así como a existencia do posto de auxiliar administrativo cuxo titular manifestou querer formar parte do cadro de persoal municipal.

Pero esta decisión tamén redunda nos 6 contratos subscritos: alarma, telefonía, electricidade, limpeza, ascensor e fotocopiadora.

En consecuencia, tamén se aprobou o desistir a solicitude de adscrición a favor do Concello de Ribeira do inmoble polo prazo de 30 anos realizada no seu día á Dirección Provincial da Coruña da Tesourería Xeral da Seguridade Social por mor do traspaso ao Sergas con efectos a partir do 1 de xaneiro de 2026. Ambos puntos da orde do día contaron co respaldo unánime dos edís.

Xa nas últimas semanas tiveron lugar varios encontros de traballo coa finalidade de que culmine de maneira progresiva esta absorción da UCA por parte da Administración autonómica sen interferir na atención ás persoas usuarias e no desenvolvemento das tarefas do persoal.

Deja un comentario