Tuesday 02 de December de 2025

O BNG de Ribeira salienta que o traspaso da Unidade de Condutas Aditivas ao Sergas chega “tarde, pero supón un avance imprescindible”


O grupo municipal do BNG de Ribeira mostrou no pleno o seu voto favorable ao traspaso da Unidade de Condutas Aditivas (UCA) ao Sergas, ao considerar que se trata “dun paso lóxico, xusto e necesario, reclamado durante moitos anos polos profesionais, polos concellos e pola Federación Galega de Municipios e Provincia (FEGAMP)”. O portavoz nacionalista, Luís Pérez Barral, lembrou que o custo anual dunha unidade como a de Ribeira achégase aos 600.000 euros para prestar un servizo que é comarcal e sanitario, non é propio dunha administración local, e que a súa integración no sistema público “é unha cuestión de responsabilidade e de sentido común”.

O BNG subliñou o papel exemplar da UCA de Ribeira, que ademais da atención sanitaria desenvolve proxectos de rehabilitación e reinserción social como o taller de madeira, con tarefas de restauración na illa de Sálvora, mantemento de mobiliario urbano, dos colexios ou colaboración na instalación de beléns en Ribeira e Aguiño. “Falamos dun servizo que salva vidas e que devolve dignidade ás persoas que están a loitar contra unha adición”, destacou Pérez Barral.

Porén, os nacionalistas tamén advertiron que este traspaso chega “con décadas de atraso” debido aos continuos bloqueos do Partido Popoular. O BNG lembrou que en 2009 quedara planificado un edificio específico para saúde mental e a UCA, xunto ao Hospital da Barbanza, e que o propio goberno de Feijóo adxudicara a obra en 2010 por un millón de euros. “A decisión do PP de cancelar o proxecto e indemnizar á empresa deixou á comarca sen unha infraestrutura esencial, e aínda hoxe seguimos pagando ese erro político”, denunciou o grupo municipal.

Desde o BNG tamén se lembrou que o goberno municipal daquel momento “aliñouse coa Xunta e votou en contra dunha iniciativa nacionalista que pedía ter en Ribeira un edificio que acollese os profesionais sanitarios que traballan en saúde mental”, unha decisión que foi “lesiva para as persoas con problemas de saúde mental e adicións”.

Aínda así, o BNG celebrou que finalmente a Xunta asuma as súas responsabilidades, ao tempo que esixe que este paso non quede nun mero trámite administrativo. O grupo municipal reclama que se recupere e execute o edificio previsto ao carón do Hospital da Barbanza, que se melloren os recursos da UCA e que se garanta unha atención pública e digna para toda a veciñanza da comarca.

“O traspaso é unha boa noticia que no BNG sempre defendemos. Celebrámolo, pero non esquecemos nin o atraso acumulado nin as renuncias do PP. Agora toca pasar das palabras aos feitos”, concluíu o portavoz nacionalista.

Deja un comentario