A instalación chega tras un ano de encontros nos que as e os socialistas recolleron as reclamacións da veciñanza e as trasladaron a ADIF, logrando que o proxecto se adaptase ao solicitado pola veciñanza.
Bouza contrapón a escoita en Laraño coa falta de diálogo do Goberno local, ao que acusa de tomar decisións sen ter en conta ás parroquias.
O Delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, a concelleira socialista, Marta Abal, e o deputado no Parlamento de Galicia e secretario xeral local, Aitor Bouza, visitaron este luns a parroquia de Laraño para comprobar o resultado da instalación dos novos paneis acústicos translúcidos colocados por ADIF. A actuación dá resposta ás demandas trasladadas pola veciñanza nos últimos meses, que rexeitara a colocación de pantallas opacas polo seu impacto visual.
Segundo explicou Bouza, a modificación do proxecto por parte de ADIF produciuse tras un proceso de diálogo continuado cos residentes por parte dos socialistas composteláns. O responsable socialista lembrou que o partido mantivo varias reunións co barrio desde hai un ano para recoller as súas reclamacións e trasladalas ao Goberno central. “O fundamental é escoitar; cando se fai, a veciñanza queda satisfeita coa xestión”, afirmou.
O secretario xeral subliñou que a solución finalmente executada responde ás peticións expresas da parroquia. “Os veciños pedían paneis translúcidos, e iso é o que se instalou”, indicou. Engadiu que ADIF e o Goberno de España “entenderon a importancia de atender esa demanda” e valorou positivamente que a obra se adaptase ao que reclamaban os afectados.
Bouza destacou ademais que esta forma de traballo debe ser a norma na acción institucional. Reivindicou unha política municipal baseada na proximidade e na corrección das actuacións cando xurdan problemas ou desacordos. “O noso compromiso é reorientar e mellorar o que non se faga ben, como fixemos en Laraño”, apuntou.
O socialista contrapuxo esta dinámica de diálogo co que, ao seu xuízo, acontece na actual acción do Goberno local e advertiu de que o caso de Laraño evidencia que non se poden tomar decisións sen ter en conta ás parroquias e aos colectivos afectados. Recordou que a instalación dos paneis é “a contraposición da forma de gobernar que se está tendo nesta cidade”, en referencia á falta de escoita que, segundo denunciou, se percibe noutros asuntos municipais.
Bouza asegurou que o PSdeG manterá esta liña de traballo nas distintas parroquias compostelás. “Dende o Partido Socialista, como sempre, imos a seguir traballando da man da veciñanza, escoitando aos colectivos e escoitando as reivindicacións que fan”, afirmou. Engadiu que, cando se detecten erros ou actuacións mellorables, o compromiso do partido será “reorientar, corrixir e mellorar”, tal e como, dixo, sucedeu en Laraño. “O que nos importa é a veciñanza, os seus problemas, e ese é o noso pacto maior”, concluíu.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.