A mostra defínese como un xogo entre o autor e o espectador, que debe discernir a realidade entre un conxunto de falacias figurativas e cromáticas
Xosé Rivera, artista visual e fotógrafo natural de Ordes, inaugurará este vindeiro venres, 15 de abril, a súa nova exposición que leva por título ‘Fotoimpresionismo’. O acto de presentación, que será no Museo do Traxe Juanjo Liñares ás 20 horas, consistirá nunha performance na que tanto o propio autor como o público participarán de forma activa. Na cita tamén estarán presentes o guitarrista Gael Montero e a pintora Eva Mirás.
Segundo palabras do autor con estas fotografías quérese ofrecer unha visión diferente de elementos cotiáns e habituais que forman parte da realidade da zona de Ordes, entre outros espazos. Con cada imaxe o espectador ou espectadora introdúcese nun xogo de falacias cromáticas e figurativas que debe discernir na procura da identificación exacta”, explica Xosé Rivera.
‘Fotoimpresionismo. A vida é unha ilusión’ defínese como un exercicio de exploración das posibilidades que abrangue a técnica fotográfica na procura de ilusións ópticas preconcibidas. Un obxectivo acadado con sobrada profesionalidade por parte do xove autor, cuxo mérito se ve acrecentado pola ausencia total na utilización de programas dixitais de retoque e efectos visuais e fotográficos.
A mostra poderá visitarse no Museo do Traxe ata o martes 19 de abril. A partir de entón ocupará un espazo propio na vindeira feira multisectorial e de maquinaria agrícola ExpoOrdes 2016, a cal terá lugar os vindeiros 22, 23 e 24 de abril.