Monday 01 de December de 2025

A Xunta pon o Centro Ourensán de Montevideo como exemplo de colaboración e de futuro para a colectividade galega no Uruguai


O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, acompañado pola delegada da Xunta no Uruguai, Elvira Domínguez, visitou o Centro Ourensán de Montevideo co gallo de coñecer a reforma integral acometida na súa sede grazas ao convenio de colaboración coa Secretaría Xeral da Emigración. A mellora das instalacións, a modernización dos espazos e a incorporación de nova tecnoloxía permitirán reforzar as actividades culturais e sociais do centro, que comparte sede coa Casa de Galicia e coa Asociación de Empresarios Galegos do Uruguai, configurando un espazo común de referencia para toda a colectividade.

Miranda salientou que esta intervención “é un paso decisivo para fortalecer a cohesión da colectividade galega no Uruguai, mellorar a calidade das súas actividades e crear un espazo máis moderno, profesional e acolledor para as novas xeracións”. Subliñou ademais o valor do acordo estratéxico entre as tres entidades, que combina cultura, emprendemento, identidade e vida comunitaria, destacando que a Xunta “seguirá apoiando este modelo de cooperación porque representa o futuro da galeguidade: máis unión, máis actividade e mellores espazos para seguir facendo país fóra de Galicia”.

O secretario xeral lembrou tamén que, ao longo de 2025, a Secretaría Xeral da Emigración apoiou no Uruguai a miles de galegos a través dos programas Conectas, Escolas Abertas, obradoiros culturais ou axudas económicas individuais. Así mesmo, máis de 11 entidades da colectividade recibiron axudas directas da Xunta, un investimento global que supera os 500.000 euros e que beneficia de maneira indirecta centos de persoas, consolidando unha rede asociativa forte, activa e preparada para os desafíos dos próximos anos.

Deja un comentario