Monday 01 de December de 2025

A Xunta inicia en Santiago de Compostela un novo curso de especialización en marroquinería no marco de seu programa Aprender da Tradición


― A xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, acompañou os participantes do curso de Marroquinería fina. Bolso de man coa técnica retournée, impartido polo artesán Ezequiel Franchi, de Raíces Nómadas Atelier (Ribadeo)

― O programa Aprender da tradición. Oficios e técnicas da Xunta busca conservar e transmitir o coñecemento nos oficios tradicionais, incrementar a capacitación dos artesáns galegos e captar novos talentos para o sector

A Xunta continúa co seu programa formativo Aprender da tradición. Oficios e técnicas, dirixido a conservar e transmitir o coñecemento nos oficios tradicionais, incrementar a capacitación dos artesáns galegos e captar novos talentos para o sector contribuíndo así á remuda xeracional. A xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, acompañou os participantes do curso de Marroquinería fina. Bolso de man coa técnica retournée, impartido polo artesán Ezequiel Franchi, de Raíces Nómadas Atelier, que se formarán ata finais de xaneiro de 2026. Trátase do terceiro curso que imparte este artesán no marco deste programa formativo.

Ezequiel Franchi é o titular do obradoiro Raíces Nómadas Atelier, localizado en Ribadeo, que resultou gañador do XV Certame de Artesanía Antón Fraguas, na modalidade artesanía contemporánea, e finalista no Premio Artesanía de Galicia nas edicións de 2022 e de 2023. O obxecto desta formación é elaborar un bolso de man con técnica retournée e asas ríxidas e móbiles, a través de distintas técnicas.

O curso desenvolverase deica mediados de xaneiro, na sede da Fundación Artesanía de Galicia, en Santiago de Compostela. A maior parte dos participantes no curso son titulares de obradoiros inscritos en Artesanía de Galicia especializados na marroquinería, aínda que hai tamén un especialista en calzado e unha estudante da EASD Mestre Mateo.

Aprender da tradición
Iniciado a finais de 2023, Aprender da Tradición. Oficios e técnicas é un programa formativo único en España, unha estratexia pioneira enfocada a garantir a remuda xeracional no sector artesanal galego, como vertebrador do territorio e fixador de poboación especialmente no rural. Entre os seus obxectivos principais atópase capacitar os artesáns e expertos en oficios artesanais para que poidan transmitir os seus coñecementos, facilitar a formación de novas xeracións interesadas en aprender estes oficios e técnicas, fomentar a comercialización de produtos elaborados por artesáns locais e sensibilizar a comunidade sobre a importancia da conservación dos oficios tradicionais, revalorizar e visibilizar os procesos artesanais vinculados aos vellos saberes para ofrecer novos valores e tamén afianzar un sector artesanal competitivo capaz de aglutinar todo o talento artesán.

O programa Aprender da tradición. Oficios e técnicas está dirixido, por unha banda, a artesáns profesionais inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia e, pola outra, á captación de novos perfís ao mundo da artesanía, clave para asegurar o futuro do sector. Así, potenciarase unha nova xeración de artesáns cun fondo coñecemento práctico dos seus oficios e conséguese —mediante cursos de formación— proporcionarlles as habilidades que antes se conseguían entrando a traballar de aprendices nos propios obradoiros, como complemento á formación máis teórica que se pode adquirir nas escolas. Deste xeito, dáselle continuidade aos oficios tradicionais vinculados ao territorio, asegurando a dinamización cultural, turística e económica de Galicia.

Deja un comentario