Monday 01 de December de 2025

O plan de melloras na rede de saneamento municipal avanza cara aos núcleos residenciais de Castro de Elviña e Urbanización Breogán


O Concello vén de adxudicar as obras previstas en puntos como a rúa do Canedo e Vicente Vázquez Queipo. O investimento entre ambas as actuacións será de case 850.000 euros

Novo pulo ao plan de melloras que está a impulsar o Concello na rede de saneamento municipal, con intervencións xa previstas proximamente nos núcleos residenciais de Castro de Elviña e Urbanización Breogán, cun investimento total de case 850.000 euros.

A meirande parte deste orzamento destinarase a reforzar as infraestruturas de saneamento das rúas da Pena do Cuco, Canedo, O Picho e A Fraga, en Castro de Elviña, onde se renovará a rede municipal de sumidoiros e, ademais, dotarase á zona dunha nova rede separativa para recoller as augas pluviais.

Por outra banda, o Executivo municipal tamén ten previsto actuar na Urbanización Breogán para construír unha nova rede para a recollida de augas pluviais nas rúas Vicente Vázquez Queipo e Isidro Parga Pondal, unha medida orientada á mellora das infraestruturas neste núcleo residencial onde tamén están a avanzar as obras da nova pista multideporte, un equipamento público promovido polo Concello e que xa está en fase de execución.

Ambas as actuacións, adxudicadas á empresa Construcciones Cernadas

As melloras de saneamento planificadas polo Goberno de Inés Rey en Castro de Elviña e Urbanización Breogán serán cofinanciadas entre o Concello e a Deputación, que achegará fondos correspondentes ao Plan de obras e servizos (POS) para complementar os fondos propios municipais.

Neste sentido, as dúas intervencións foron adxudicadas recentemente á empresa Construcciones Cernadas. As obras en Castro de Elviña, por valor de 667.995 euros; e as previstas na Urbanización Breogán, por 181.546 euros.

Deja un comentario