Monday 01 de December de 2025

O BNG organiza un faladoiro feminista este martes 2 de decembro na Escola Laica de Cabanas


Isabel Golpe, Cristina García, Nicolasa Castro e Soledad Agra participarán nun encontro para reflexionar sobre igualdade, coidado e loita feminista na comarca

O BNG organiza este martes, 2 de decembro, ás 20h, un faladoiro feminista na Escola Laica de Cabanas, un espazo aberto á veciñanza para debater sobre os desafíos presentes e futuros en materia de igualdade na comarca.

O encontro contará coa participación de catro voces diversas e complementarias: Isabel Golpe, traballadora da sanidade e portavoz do BNG de Vilarmaior; Cristina García, traballadora do servizo de axuda no fogar e concelleira do BNG de Fene; Nicolasa Castro, profesora xubilada e sindicalista da CIG; e Soledad Agra, deputada provincial de igualdade e traballadora dun Centro de Información á Muller (CIM). A mesa estará moderada por Paula González, concelleira do BNG en Cabanas.

A responsábel comarcal do BNG, Pilar Lozano, destacou que este tipo de encontros “son fundamentais para facer do feminismo unha ferramenta viva, conectada coa realidade das mulleres da comarca”. Segundo explicou, “as políticas de igualdade non poden limitarse ás institucións: necesitan participación social, reflexión colectiva e espazos onde compartir as dificultades, pero tamén os avances e as alternativas”.

Pola súa parte, a concelleira de Cabanas e moderadora do encontro, Paula González, subliñou que o acto permitirá “falar do que realmente condiciona a vida das mulleres: os coidados, as desigualdades laborais, a violencia machista e a precariedade na que se sustentan moitas tarefas invisibles”.

O BNG anima a todas as persoas interesadas a asistir ao faladoiro, que está aberto ao público e que non require inscrición previa. “Queremos que sexa un espazo amable, plural e participativo, onde se poida falar con liberdade e onde cada voz sume”, concluíu Lozano.

Deja un comentario