— Catro artistas mozos de Lugo e outros tantos de Sada, Ordes, Baiona e A Coruña distínguense nas finais das dúas disciplinas, celebradas no ‘Xuventude na onda’
— A gala de entrega da edición deste ano do certame, que conta con 16 especialidades, celebrarase tamén na Cidade da Cultura o vindeiro 19 de decembro
O certame Xuventude Crea 2025 premiou hoxe nas categorías de danza moderna e arte urbana a catro artistas novos da cidade Lugo, tres dos municipios coruñeses de Sada, Ordes, A Coruña e un do pontevedrés de Baiona. Este foi o resultado territorial nas finais que tiveron lugar durante esta xornada na Cidade da Cultura, no marco da celebración de Xuventude na onda, ás que asistiron os directores xerais de Cultura, Anxo M. Lorenzo, e de Xuventude, Lara Meneses, respectivamente.
Os representantes da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude salientaron “a alta calidade, orixinalidade e talento” das 15 propostas en ambas modalidades, 7 de danza moderna e 8 de arte urbana, que chegaron a estas finais do Xuventude Crea 2025. De igual xeito, destacaron “a sorte de ter contado cun singular e potente espazo de proxección”, en referencia a que todos eles tiveron a oportunidade de amosar os seus traballos dentro dunas xornadas “con tanta proxección” como Xuventude na onda.
Precisamente, este encontro da Xunta está reunindo, desde onte no Gaiás, talento mozo e sectores de innovación, ciencia e empresa, co obxecto de ser un viveiro que favorezaa creación de sinerxías e novas oportunidades de colaboración entre todos os participantes, ademais de servir de inspiración e alento á mocidade para proxectos e iniciativas de crecemento persoal e de formación.
Gañadores de danza moderna
En canto á disciplina de danza, o primeiro premio foi para Miguel Figueiro, natural de Lugo, que levou a escena a peza Yo quisiera, unha proposta intimista na que o artista pretendeu reflectir as inquedanzas que se agochan no día a día das interaccións sociais.
O segundo posto neste certame foi para Uxía Alonso e Mateo Usera, tamén da cidade lucense, que interpretaron Perigo de extinción. Coa súa proposta buscaron reflectir un grito de afouteza para animar a loitar polos soños, propósitos e metas, sen deixarse desanimar polas trabas sociais ou das persoas que nos rodean.
Finalmente, a categoría de danza moderna compartiu o terceiro premio entre dúas propostas, a presentada por Javier Vázquez, natural do concello coruñés de Sada, e a de Irene Sisto, proveniente de Lugo. Esta última interpretou Negra sombra, na que quixo trasladar a relación que ten coa danza, na que flutúa a presión que lle supón esta disciplina ao tempo que a liberdade que lle aporta.
O proxecto de Javier Vázquez leva por título Cinzas co que procurou concienciar, a través da danza, dos estragos que provocan os lumes forestais.
Premiados de arte urbana
Na categoría de arte urbana, alzouse co primeiro premio María Martelo coa intervención artística Se as parades falasen. Natural do concello coruñés de Ordes, neste proxecto recupera a historia dun restaurante con moita pegada na memoria colectiva na cidade de Santiago de Compostela, o desaparecido Asasino.
A segunda distinción foi parar a Miguel Aurelio Cajaraville, do municipio pontevedrés de Baiona. Con Centola de Laza traballa coa tatuaxe e co mural para irmandar a cultura nipoa, os peliqueiros e un dos nosos crustáceos máis coñecidos.
Mentres, o terceiro posto desta competición recaeu en Blanca Alejandra Cortizo, orixinaria da Coruña, que acadou esta clasificación coa proposta Wala coa que pretende facer reflexionar sobre o concepto da beleza e rachar clixés e estereotipos culturais ao respecto.
16 especialidades
A danza moderna e a arte urbana son dúas das 16 especialidades que se inclúen no Xuventude Crea, que segue a consolidar a súa alta participación, volvendo rexistrar ao redor de 600 persoas inscritas este ano. A iniciativa chega á súa décimo sexta edición como un dos programas máis recoñecidos pola mocidade, gozando de moi boa reputación no eido cultural e artístico galego.
Por este certame terán pasado, coa participación deste 2025, algo máis de 6.000 mozos e mozas, con máis de 4.000 obras e proxectos creativos, e teranse repartido 700 premios cunha dotación que se aproxima a 1M€ en total. A gala final terá lugar o vindeiro 19 de decembro e tamén se celebrará na Cidade da Cultura.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.