O organismo provincial achegará o 80% do custe do proxecto, cifrado polo Concello en 112.500 euros
O responsable provincial de Cooperación e Asistencia a municipios, Xosé Regueira, e Secundino García asinaron esta mañá na Coruña o acordo económico para a execución das obras de aglomerado da pista que une a estrada de Ortigueira co lugar da Bañoca, en Bardaos. O proxecto, cuantificado en 112.500 euros, financiarase nun 80% con fondos xestionados pola Deputación e, ademais, tamén contempla a construción de beiravías no lugar das Loibas. O Concello -que achega o 20% restante- busca con estas infraestruturas a mellora da seguridade peonil e a do tráfico rodado ao longo do principal eixo de comunicación da parroquia.
A idea de aglomerar a estrada que vai desde a conexión coa AC-862 ata a DP-4905 non é nova e, de feito, máis da metade deste eixo viario -desde a Cruz da Raíña ata a Bañoca- xa se reparara con este tipo de firme en 2011. Porén, as expectativas existentes daquela sobre unha inminente construción da Vía de Alta Capacidade da Costa Norte aconsellaron deixar sen amañar o tramo que vai desde a Bañoca até a estrada de Ortigueira, que podería verse afectado polas obras do novo corredor. Porén, os retrasos acumulados pola VAC -agora denominada Vía de Altas Prestacións (VAP)- levaron ao Concello a retomar o proxecto a finais do ano pasado co obxectivo de iniciar a contratación dos traballos na primeira metade deste exercicio.
O plan técnico das obras contempla o aglomerado dos preto de 1,5 quilómetros que quedaran pendentes entre a AC-862 e a Bañoca pasando polo lugar da Sanguiñeira, de maneira que o principal eixo de comunicación de Bardaos -o que vai da estrada de Ortigueira ata a Cruz da Raíña- conte cun firme homoxéneo, máis adherente e con maior durabilidade.
Porén, ademais do aglomerado, o Concello incluiu no proxecto unha petición veciñal xurdida nas asembleas dos orzamentos participativos, consistente na construción dunha senda peonil nas Loibas, o principal núcleo de poboación de Bardaos. Así trazaranse arredor de 600 metros de beiravías de cemento de ata un metro de ancho que discorrerán pola marxe dereita da estrada -sentido Sur a Norte- e por ambos lados nas zonas de maior concentración de vivendas.
O proxecto técnico cifra o prezo de licitación das obras do aglomerado e da senda peonil en 112.500 euros, ive incluído. O importe final sufragarase nun 80% con fondos xestionados pola Deputación da Coruña -que achegará ata un máximo de 90.000 euros-, mentres que a contía restante será asumida con fondos municipais.
Outros investimentos no territorio
O investimento en Bardaos vénse sumar a outros xa comprometidos con cargo aos programas provinciais POS e PAS. Cun importe total de 482.000 euros arranxaranse as pistas de Regueiro Cavado ata a Ribeira, a da Penavidreira a Piñeiros, a de Moimentos ata a Golpilleira, a de Pontellas a Souto Calvo, a que une Prospes e Penacastrelo, a que vai dos Pantís a Pramado e as do Albeiro e o Laranxol.
Canda elas tamén se construirá unha senda peonil entre o Eirexado e a Ponte da Ferrería, en Naraío, ampliarase o abastecemento de augas á zona do Cochón, en San Sadurniño, e farase unha urbanización parcial na Agra de Abaixo. Unha das partidas maiores -135.000 euros- aproveitarase para acondicionar as dependencias e o contorno da piscina municipal, de maneira que todo o complexo deportivo de Corrás quede listo para varios anos.