Monday 01 de December de 2025

A Coruña reivindica os beneficios da dieta atlántica e a excelencia do produto local nunha xornada divulgativa co selo distintivo Peixe da Lonxa da Coruña


A conferencia da catedrática Rosaura Leis e unha degustación creativa a cargo da Escola de Hostalaría Álvaro Cunqueiro centraron unha mañá arredor do produto do mar que chega diariamente ao porto coruñés

A cidade da Coruña reafirmou esta mañá o seu compromiso cunha alimentación saudable, sustentable e de proximidade a través dunha xornada divulgativa celebrada na Lonxa da Coruña, no peirao de Linares Rivas, na que participaron representantes do sector pesqueiro, profesionais da hostalaría, persoas usuarias das escolas municipais e público xeral.

O evento contou coa presenza do concelleiro Manuel Vázquez, en representación do Goberno municipal, quen destacou o apoio do Concello a iniciativas que promoven hábitos de vida saudables e poñen en valor os produtos locais.
“Somos unha cidade que medrou ligada ao mar, apostar polo noso peixe é apostar pola nosa historia, pola nosa economía e tamén pola saúde das nosas veciñas e veciños”, sinalou o concelleiro, quen recordou que foi a alcaldesa, Inés Rey, quen impulsou a sinatura dos convenios coa FREMSS para impulsar o sector pesqueiro con iniciativas que inclúen tamén a creación do selo Peixe da Lonxa da Coruña que recoñece nas peixerías o peixe da Lonxa coruñesa como marca de calidade.

A actividade, promovida polo Concello da Coruña en colaboración coa Fundación para o Rendemento Económico Mínimo Sustentable e Social (FREMSS), contou coa inestimable colaboración da Lonxa da Coruña, espazo de referencia para a promoción do peixe fresco descargado a diario no porto coruñés.

O acto tivo como eixo principal a intervención da catedrática de Pediatría da Universidade de Santiago de Compostela, Rosaura Leis, que afondou nos valores nutricionais e ambientais da dieta atlántica, cunha ponencia centrada na importancia do consumo de peixe en todas as etapas da vida.

Ao remate da conferencia, a Escola de Hostalaría Álvaro Cunqueiro sorprendeu cunha degustación de pratos creativos elaborados con peixe e marisco da lonxa, entre os que destacaron o peixe con chilimojili, okonomiyaki de langostino e panceta, ramen de cabala afumada e sobrasada, takoyaki de polbo en pani puri, gilda con encurtidos e velo de vermú, e taco de berenxena con rillette de atún.

A xornada reuniu máis de 150 asistentes nun espazo que combinou divulgación científica e creatividade culinaria, cun enfoque claro no valor do mar como fonte de saúde, identidade e desenvolvemento local.

Esta acción forma parte dun programa máis amplo incluído no convenio entre o Concello e a FREMSS que abrangue outras actuacións de difusión como campañas en medios e novas degustacións promocionais.

A próxima cita será o 13 de decembro no mercado municipal de Elviña, cunha nova xornada aberta ao público.

Deja un comentario