A alcaldesa, Inés Rey, que participou esta mañá no tradicional acendido das luces de Nadal do mercado de Elviña, avanzou hoxe que o Belén abrirá as súas portas o vindeiro día 12 no Palacio Municipal de María Pita
A apertura do Belén Municipal terá lugar o vindeiro venres 12 de decembro cunha novidade moi especial: entre as figuras do Belén estará o artista coruñés Xoel López, que se sumará ás máis de 230 efixies de barro existentes e que, ano tras ano, incorporan persoeiros vinculadas coa cidade ou que tiveron un protagonismo clave na evolución das súas institucións.
López, que o xoves 4 despedirá na cidade a xira do seu último disco, Caldo Espírito, cun concerto no Palacio da Ópera, recibirá a súa figura do Belén de mans da alcaldesa o vindeiro mércores 3.
Xa o día 12 terá lugar o acto inaugural do Belén, que estará aberto ata o 6 de xaneiro no Salón de Exposicións do Palacio de María Pita. O horario xeral de apertura á cidadanía será de 11.00 a 14.00 pola mañá e de 17.00 a 21.00 polas tardes.
Iso si, como todos os anos, haberá horarios específicos en datas sinaladas. O 24 de decembro (só horario de mañá), o 25 de decembro (só en horario de tarde), o 31 de decembro (só en horario de mañá), o 1 de xaneiro (só en horario de tarde), o 5 de xaneiro (só en horario de mañá) e o 6 de xaneiro (só en horario de tarde).
Acto de acendido das luces de Nadal no mercado de Elviña
O Nadal da cidade da Coruña xa está en marcha. Tras o acto oficial de acendido de luces que tivo lugar onte en María Pita, coa participación do exfutbolista deportivista Bebeto, esta mañá celebrouse unha das citas tradicionais destas datas: o acendido do alumeado festivo do mercado municipal de Elviña, no que participaron a alcaldesa, Inés Rey, e a concelleira de Emprego, Comercio e Mercados, Diana Cabanas.
No acto, organizado pola Asociación de Comerciantes do Mercado de Elviña, con Leonardo Tomé á fronte, tamén tomou parte a presidenta da Asociación de Amas de Casa, Rosa Otero, que foi nomeada Filla Adoptiva da cidade en outubro deste ano.
Na súa intervención, Inés Rey puxo en valor o traballo diario das e dos praceiros, “que son as persoas que dan vida a un mercado que é moito máis que un espazo comercial, porque tamén é un punto de encontro e interrelación social para a veciñanza e un piar fundamental para dinamizar os barrios próximos”.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.