Monday 01 de December de 2025

A Xunta destaca o papel estratéxico das redeiras na sostenibilidade e modernización do sector do mar


– A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro salienta que o oficio das redeiras é “imprescindible para garantir a seguridade, a eficiencia e a calidade das artes de pesca”

– Subliña o compromiso da Xunta coa formación, profesionalización e visibilidade deste colectivo esencial no sector marítimo-pesqueiro

– Aposta por reforzar a colaboración con asociacións, confrarías e entidades representativas para asegurar o relevo xeracional e dignificación da profesión

A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Ángeles V. Suárez, participou hoxe no Encontro de Redeiras: Novas Obrigas Legais e Fiscais para o Colectivo, organizado pola Federación Galega de Redeiras Artesás O Peirao co apoio da Xunta. Alí, puxo en valor o labor fundamental que realizan as redeiras en Galicia e o importante avance que supón continuar fortalecendo este oficio para o futuro da actividade pesqueira galega.

Na súa intervención, Ángeles V. Suárez destacou que as redeiras son unha peza clave para o funcionamento do sector, pois da súa experiencia e do seu traballo depende en gran medida a seguridade das tripulacións, a eficacia das capturas e a durabilidade das artes de pesca. “Sen o traballo das redeiras non hai pesca segura nin eficiente. Sodes un oficio histórico, vivo e imprescindible”, afirmou.
A responsable autonómica salientou tamén o compromiso da Consellería do Mar coa formación continua e a capacitación das profesionais, especialmente nun momento no que o sector afronta novos desafíos vinculados á innovación, ás novas tecnoloxías e á adaptación ás esixencias normativas. Subliñou que a Xunta continuará apoiando programas formativos, iniciativas de modernización e accións que melloren a cualificación técnica das redeiras, asegurando que teñan acceso a recursos e ferramentas que lles permitan desenvolver o seu traballo en condicións óptimas.

Durante o acto, Ángeles V. Suárez insistiu na necesidade de seguir traballando para aumentar o recoñecemento público e institucional deste colectivo, tradicionalmente invisibilizado dentro da cadea mar-industria. Subliñou o valor engadido que achegan as redeiras, non só para a frota artesanal e de altura, senón tamén para a economía das vilas costeiras. “É fundamental que a sociedade saiba que detrás de cada arte ben reparada, detrás de cada mellora na seguridade ou de cada avance na sustentabilidade, hai mans expertas que manteñen vivo un coñecemento único”, apuntou.

A directora xeral fixo fincapé na importancia de garantir o relevo xeracional e de promover condicións que permitan que novas profesionais se incorporen ao oficio. Destacou que a Xunta seguirá impulsando colaboracións con asociacións de redeiras, confrarías, entidades de formación e institucións locais para fomentar vocacións, mellorar a empregabilidade e reforzar a estabilidade laboral deste colectivo. Rematou agradecendo o traballo, compromiso e dedicación das redeiras galegas, lembrando que “sodes memoria, presente e futuro do sector pesqueiro de Galicia; un oficio que debemos protexer, dignificar e transmitir”.

Deja un comentario