Aitor Bouza, elevou o ton contra a Xunta ao denunciar un “colapso absoluto” nas urxencias do CHUS e advertir de que a saturación xa responde a problemas “estruturais” na sanidade pública galega.
O deputado reclamou o cesamento inmediato do xerente do Sergas e acusou ao Goberno de Rueda de practicar “negacionismo” fronte a unha situación que cualifica de “insostible” para pacientes e profesionais.
O deputado no Parlamento de Galicia e secretario xeral do PSdeG de Santiago, Aitor Bouza, esixiu este sábado o cesamento inmediato do xerente do Sergas tras unha nova semana de saturación nas urxencias do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago. O responsable socialista advertiu de que Compostela vive “unha nova semana horríbilis para a sanidade pública, unha nova semana horríbilis para as urxencias aquí en Santiago de Compostela”, unha situación que, ao seu xuízo, “non debería ser o que nos tivera que traer aquí un sábado pola mañá”.
Bouza describiu unha escena reiterada de colapso, asegurando que “vimos como se teña que tratar as persoas nos propios pasillos porque non había nin medios humanos nin tampouco a capacidade para poder desplazar as persoas nas ambulancias”. Segundo afirmou, faltan profesionais tanto para atender como para trasladar pacientes, “faltaban persoas para poder trasladar aos pacientes aos propios lugares onde teñan que toparse e, a maiores tamén, persoas para trasladalos como poden ser as ambulancias”.
O deputado insistiu en que a situación xa non pode considerarse un episodio puntual. “Semana tras semana, día tras día, vemos como realmente non son cuestións puntuais, son cuestións estruturais”, sinalou. Para ilustralo, relatou que o venres fixo unha proba na aplicación do Sergas para pedir cita en Atención Primaria, “nos daban cita do primeiro día, o día 16 de decembro, máis de tres semanas. É unha auténtica vergoña”. E advertiu das consecuencias, “as persoas se teñen que esperar tres semanas para que poda ser atendida por o seu médico de cabeceira, pois evidentemente acoden ás urxencias”.
Bouza acusou ao Goberno do PP de ignorar a magnitude do problema, ao tempo que criticou a mensaxe recibida polo PSdeG do portavoz parlamentario popular, “o que podemos concluír despois de ver estas imaxes no día de onte é que se debe estar rindo dos galegos e das galegas”. Segundo explicou, “non lles preocupa realmente a sanidade de Galicia” porque, de ser así, “en vez de estar enviando cartiñas, estarían preocupadas por corrixir as eivas que ten a sanidade pública”.
Ante este escenario, o líder socialista compostelán reclamou “responsabilidades políticas das máximas responsabilidades que se poden pedir”. Afirmou que “para nós, o xerente dos ergas non pode seguir nin un minuto máis no seu posto”, ao considerar que “o único que fai é unha absoluta incompetencia”. E engadiu que, se non dimite, “ten que ser cesado por parte dos órganos superiores”, convidando directamente ao presidente da Xunta, presente na cidade, a comprobar a realidade, “convidámolo a que se dea unha volta tamén polas urxentes do XUS para poder ver a situación en a que se atopan”.
Preguntado polos xornalistas sobre a actitude da Xunta, Bouza acusou ao Goberno autonómico de practicar un “negacionismo non so político, senón o negacionismo neste caso das realidades e dos feitos”. Sinalou que as imaxes difundidas nas últimas semanas “demostran que hai un colapso evidente na sanidade pública” e insistiu en que o presidente Rueda debe “asumir o seu cargo” e “cesar de inmediato ao xerente que o único que demostra é que non está capacitado para poder resolver os problemas da sanidade pública”.
O deputado reivindicou tamén o papel dos profesionais e criticou que o PP tente presentar as denuncias como un ataque ao persoal, “todo o contrario, estamos defendendo a súa propia dignidade, a dignidade do traballo de todas as persoas e dos pacientes que están a padecer este tipo de políticas”. Por iso defendeu que a Xunta “ten que escoitar aos profesionais” e incorporar as súas demandas para recuperar unha atención sanitaria de calidade, “o que piden é que haxa unha sanidade pública de calidade para todos e para todas”.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.