Precisa que esta achega de 120 millóns se aprobará no Consello do xoves “para facer máis colexios e para mellorar os institutos, os centros de educación primaria e a formación profesional”
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe no Pleno que cumprir co déficit permitirá seguir apostando polo talento innovador, con 200 novos contratos para mozos galegos investigadores, e investir 120 millóns de euros para dotar Galicia de máis e mellores infraestruturas educativas públicas.
En resposta ás preguntas dos grupos parlamentarios, Feijóo precisou que no Consello da Xunta de mañá xoves, se aprobará unha achega de “120 millóns para facer –dixo- máis colexios e para mellorar os institutos, os centros de educación primaria e a formación profesional”. E subliñou tamén que o Goberno seguirá apostando polo talento galego a través de 200 novos contratos de mozos no ámbito da innovación, do desenvolvemento e da investigación neste mes de abril.
Ao longo da súa intervención, o titular da Xunta garantiu o compromiso do Goberno galego coa Educación lembrando que na Comunidade hai máis profesores por alumno que no resto de España; as universidades son as máis asequibles do país; e Galicia conta con máis prazas de formación profesional que cando comezou a crise económica. “E para reter o talento aprobamos unha Lei de universidades e de innovación, unha Lei de emprendento, seguiremos co Programa Oportunius e presentamos á Unión Europea a Estratexia de especialización intelixente, dotada con 1.600 millóns de euros e que estamos a desenvolver”, abundou.
Feijóo precisou que esta aposta pola Educación está a permitir que Galicia estea mellorando os seus datos académicos, “con menos abandono escolar ca nunca”.
Durante a súa intervención, o responsable da Administración autonómica afirmou que cumprir o déficit permitirá a Galicia contar con 400 millóns de euros das liquidacións do ano 2014. “Por iso, señorías, recortes en Galicia: cero. Pero si 400 millóns de euros máis no ano 2016 e 85 millóns de euros máis no 2015”, sentenciou.
Ademais de cumprir o obxectivo de déficit, Feijóo salientou que Galicia é a comunidade que máis investiu en proporción ao seu presuposto no ano 2015; e a que máis investiu por habitante, por riba do País Vasco. E, nesta liña, aseverou que se en vez de cumprir, Galicia incorrese no déficit da media das comunidades, hoxe teríamos 3.000 millóns de euros máis de débeda. O que significaría 85 millóns de euros máis de intereses ao ano. É dicir, 85 millóns de euros menos para Sanidade, para Educación e para os servizos públicos”. “Non só cumprimos o déficit senón que investimos máis, facemos máis servizos públicos e ademais baixamos os impostos”, sentenciou.
Por último, Feijóo afirmou que o Goberno galego está a traballar tamén para solucionar “desde as responsabilidades estatutarias, constitucionais e laborais que ten un goberno” a fenda salarial de xénero. E, sobre este punto destacou a implicación da Xunta para que os axentes sociais, as empresas e as organizacións sindicais asinen un acordo marco interprofesional no ámbito autonómico para atallar a fenda salarial de xénero.