O deputado socialista sostén que o estancamento das achegas da Xunta ao Consorcio está a frear a rehabilitación de vivenda no casco histórico, nun contexto no que Compostela continúa a perder inmobles habitables e capacidade residencial.
O deputado no Parlamento de Galicia e secretario xeral do PSdeG de Santiago, Aitor Bouza, explicou en rolda de prensa a emenda coa que o grupo socialista propón incrementar en 2,4 millóns de euros a achega da Xunta ao Consorcio de Santiago no marco do debate orzamentario de 2026. Bouza sostén que este reforzo económico é necesario para garantir o funcionamento do organismo e, en particular, para asegurar as axudas destinadas á rehabilitación de vivenda no casco histórico.
O parlamentar lembrou que o financiamento autonómico apenas medrou 300.000 euros desde 2021 e que os orzamentos previstos para 2026 manteñen a contía actual, de 3,1 millóns. “Parécenos moi importante que a Xunta de Rueda se comprometa especificamente con esta cidade e aumente esas achegas que fai ao Consorcio de Santiago”, afirmou. Segundo explicou, ese incremento permitiría dotar ao organismo dos recursos necesarios para “poñer en disposición do alugueiro, de compra, vivendas rehabilitadas e evitar que queden esquecidas no casco histórico”.
Bouza advertiu que o Consorcio afronta gastos de funcionamento superiores aos fondos dispoñibles e que iso condiciona o mantemento das liñas de axuda. “Non podemos esixirlle ao Consorcio que realice as súas funcións sen que o dotemos dos medios económicos precisos”, sinalou, lembrando que o propio tecido social e veciñal leva tempo reclamando un reforzo orzamentario.
A emenda socialista será votada no último pleno do Parlamento deste mes. O deputado apelou directamente ao PP, “agardamos que o voto maioritario da Cámara Galega e, polo tanto, o de Borja Verea, sexa favorable, porque son os intereses dos veciños e veciñas de Compostela o que estamos hoxe reclamando”.
Bouza criticou ademais que o Goberno municipal non estea esixindo á Xunta unha mellor financiación para o Consorcio, “é unha mágoa e unha lástima que o goberno da cidade non estea tamén esixindo á Xunta de Galicia a parte da permanente confrontación ideolóxica que fan”.
O responsable socialista enmarcou esta demanda dentro dunha estratexia máis ampla en materia de vivenda. “Necesitamos volver elevar a nosa cidade a unha cidade de excelencia. Podemos comezar con ser unha cidade na que a xente poida vivir aquí e non teña que marchar”, indicou, reivindicando políticas integrais que actúen sobre a vivenda nova, a vivenda valeira e a rehabilitación no casco histórico.
Durante a quenda de preguntas, Bouza confirmou que o PP aínda non fixo público o seu posicionamento sobre esta emenda, aínda que mostrou escepticismo, “lamento ter que anticipar que previsiblemente o señor Verea vaia volver facer o mesmo”, en referencia ao voto en contra das propostas referidas a Compostela nos exercicios anteriores. Por iso avanzou que o PSdeG presentará tamén iniciativas específicas para forzar ao PP a posicionarse neste debate.
O deputado ligou esta proposta ás reivindicacións que veñen formulando nas últimas semanas sobre capitalidade, centros de saúde e centros educativos. “Santiago de Compostela está absolutamente abandonada pola Xunta de Galicia de Rueda. E se demostra cos propios datos”, afirmou.
Sobre o voto de facturas no pleno municipal
Preguntado pola situación xerada no pleno municipal a respecto do voto ás facturas, Bouza defendeu que é responsabilidade do Goberno local garantir a correcta tramitación e negociación previa dos expedientes. “Correspóndelle ao goberno municipal dar resposta da súa propia xestión e das súas propias negociacións”, sinalou.
O deputado explicou que o PSdeG mantén unha postura constante ao respecto, “a nosa postura é clara. Cando corresponde realizar o pago por servizos prestados, a nosa postura era a mesma no goberno e agora. Non cambiou”, recordou, incidindo en que detrás de cada factura “hai familias, hai empresas” e persoas “que prestan servizos e que dependen destes ingresos para manter a súa actividade”.
Bouza advertiu de que utilizar o pago de facturas como ferramenta política prexudica directamente a quen non ten capacidade de defensa institucional, “xa vimos nos pasados meses como se votaba en contra de pagar certas facturas como medida de presión. Non se pode empregar como medida de presión ás familias e ás persoas que precisan do pago de facturas para facer política”. Neste sentido, lembrou que o PP volveu votar en contra no pleno, mantendo unha posición que, segundo afirmou, “ten efectos directos sobre provedores e servizos xa realizados”.
O secretario xeral engadiu que o labor da oposición esixe responsabilidade e coherencia, “estar na oposición implica ser coherentes e congruentes coa veciñanza e exixentes co goberno”, apuntou. Bouza reclamou que todas as formacións políticas incluído o PP e tamén “ás persoas individualizadas que forman parte do pleno municipal expliquen á cidadanía por que emiten os seus votos”, especialmente cando afectan a pagos pendentes a familias, empresas e profesionais.


