Será inaugurada ás 13.00 horas polo vicepresidente da Xunta de Galicia e o conselleiro de Economía, Emprego e Industria
A I Feira da Enerxía de Galicia, que se celebrará desde mañá xoves ata o vindeiro sábado 16 de abril na Feira Internacional de Galicia ABANCA, contará coa presenza de 239 firmas expositoras de 16 países, as cales estarán representadas por 92 expositores directos de tres países (España, Portugal e Francia).
Estes expositores, entre os que se encontran moitas das empresas e entidades máis importantes do sector enerxético, ocuparán un dos pavillóns principais do recinto e unha zona exterior do mesmo, sendo a superficie total da exposición de preto de 11.000m².
A Feira da Enerxía de Galicia constituirase nesta primeira edición no único certame do noroeste peninsular que aglutina a todos os tipos de enerxía. Así, estarán presentes expositores de enerxías convencionais e renovables e dos ámbitos da eficiencia enerxética, mobilidade sostible, material e equipos para instalacións, electrónica industrial, iluminación ou servizos a empresas, ademais de institucións e asociacións.
Profesionais e consumidores poderán coñecer deste modo, tanto para o ámbito industria e municipal como para o fogar, numerosos produtos e servizos, como caldeiras de biomasa, pellets e silos para o seu almacenaxe, sistemas de iluminación e de intelixencia para cidades (smart cities), compañías petrolíferas, de gas e electricidade; vehículos eléctricos e híbridos e postes de carga para eles, sistemas de eficiencia enerxética, equipos de frío industrial e climatización, material para instalacións de electricidade, calefacción e fontanería; muíños eólicos, equipos de xeotermia e aerotermia, captadores solares, placas illantes, baterías de almacenaxe ou consultorías enerxéticas, entre moitos outros.
Unha interesante área expositiva á que se unirá un completo programa de actividades para converter esta feira durante tres días nun atractivo punto de encontro tanto entre os diversos axentes do sector enerxético como destes cos consumidores.
A feira será inaugurada mañá ás 13.00 horas polo vicepresidente da Xunta de Galicia e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda, e polo conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde.
Un amplo programa coas xornadas como clave
A I Feira da Enerxía de Galicia contará cun interesante programa de actividades que, conducidas por cerca dun centenar de expertos, incluirán propostas tanto para profesionais como para consumidores.
As conferencias serán unha peza clave deste programa. No seu marco levaranse a cabo 74 que se agruparán en 26 xornadas organizadas por unha ducia de entidades, como son o Instituto Enerxético de Galicia (INEGA), Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia (ICOIIG), Centro Tecnolóxico de Eficiencia e Sustentabilidade Enerxética (Energylab), Asociación Española de Valorización Energética de la Biomasa (AVEBIOM), Axencia Galega de Innovación (GAIN), Federación Galega de Asociacións Provinciais Empresariais de Fontanería, Calefacción, Gas, Climatización, Mantemento e Afíns (FEGAFÓN), Federación Galega de Instaladores Eléctricos e Telecomunicacións (FEGASINEL), os clústers galegos do Autoconsumo e a Xeotermia Galega (AGAEN e ACLUXEGA) e as empresas Grupo Saltoki, Edp España, Férroli España, T´uvento e Dielectro.
Estas entidades profundarán nas súas xornadas en temas de gran interese, como a eficiencia enerxética, mobilidade sostible, financiamento de proxectos europeos de I+D+i, biomasa, autoconsumo, seguridade industrial, normativa e regulamentación en distintos ámbitos, presente e futuro da industria e o mercado fotovoltaico, situación actual dos mercados de electricidade e gas, aerotermia, iluminación led, instalacións de baixa temperatura e selos de calidade, entre outros.
Este importante número de conferencias fará que dende a organización da feira se habiliten 7 salas distintas para o seu desenvolvemento, as cales estarán patrocinadas por Red Eléctrica Española, Repsol, Abanca e Xunta de Galicia.
O programa desta primeira edición da feira tamén estará conformado por outras actividades que se sumarán ás conferencias. Así, contará cunha gran área divulgativa con talleres centrada nos distintos tipos de enerxía e a eficiencia enerxética, promovida pola Fundación Sotavento Galicia e o INEGA; con talleres dirixidos a escolares, da Fundación Repsol; e cun circuíto de vehículos eléctricos e híbridos que contará con dez automóbiles das marcas Renault, Toyota, Nissan e Consultoría L.A. (Anrolu Instalaciones) e tamén da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e do INEGA xunto coa Fundación Sotavento Galicia.
Ademais, no seu marco levaranse a cabo reunións sectoriais, como o Encontro dos tres clústers enerxéticos galegos (AGAEN, ACLUXEGA e o Clúster de Enerxías Renovables de Galicia, CLUERGAL) e as súas respectivas asembleas, e tamén presentacións.