O Concello de Riveira vén de dar luz verde a unha nova iniciativa dirixida ao control da poboación de gaivotas nos dous puntos de titularidade municipal máis conflitivos a día de hoxe no casco urbano da cidade: o cemiterio de Santa Uxía e o CEIP O Grupo.
Neste senso, o Executivo local aprobou a adopción destas accións de control por demanda da veciñanza, posto que o incremento da poboación nidificante da especie gaivota patiamarela (Larus michaelis) se viña traducindo nos últimos tempos en ataques a persoas, especialmente durante a época de cría.
Así e logo, o seguimento da poboación de gaivotas terá lugar entre os meses de maio a agosto (é dicir, coincidindo coa citada tempada de cría) e se prestará especial atención tanto ás cubertas dos panteóns do cemiterio como ao tellado do citado centro escolar.
A empresa que se encargará de levar a cabo estas accións é Larus Control, entidade que conta cos permisos necesarios da Dirección Xeral de Conservación da Natureza da Xunta de Galicia. O importe das actuacións a desenvolver ascenden a 1.788 euros, IVE incluído.
Non se descarta que dende a Concellería de Medio Ambiente se tomen novas medidas en ulteriores exercicios para seguir erradicando esta problemática.