A alcaldesa, Inés Rey, presidiu a sesión no Salón de Plenos municipal, coa colaboración de UNICEF Comité Galicia
O Concello da Coruña celebrou esta mañá unha nova edición do Pleno Infantil, unha iniciativa institucional organizada en colaboración con UNICEF, enmarcada na conmemoración do Día Internacional da Infancia, celebrado o pasado 20 de novembro.
A sesión tivo lugar no Salón de Plenos municipal e contou coa participación de 140 alumnos e alumnas de 5º e 6º de Educación Primaria de centros educativos da cidade. O acto estivo presidido pola alcaldesa, Inés Rey, quen puxo en valor o papel da infancia como parte activa da sociedade: “Neste salón tómanse decisións importantes para a cidade, e hoxe sodes vós quen tomades a palabra para tratar un tema que tamén require accións e compromisos: a violencia dixital”.
A rexedora subliñou que “esta é unha oportunidade para escoitar a infancia, pero tamén para que eles e elas vexan que a súa opinión é útil, necesaria e tida en conta”. Afirmou tamén que “educar en dereitos e participación desde a escola é esencial para construír unha cidade máis segura, máis xusta e máis democrática, tamén no mundo dixital”.
No acto participou tamén o concelleiro de Educación, Juan Ignacio Borrego, quen puxo en valor o traballo realizado polos centros educativos e destacou “a importancia de abrir espazos como este, onde a infancia poida expresarse libremente, aprender a participar e facer valer os seus dereitos desde o respecto, o diálogo e a colaboración”.
A violencia dixital foi o tema central do pleno, un dos retos que máis preocupan actualmente á infancia e ás comunidades educativas. A través do traballo previo nas aulas e da súa intervención pública no pleno, o alumnado analizou, debateu e presentou propostas sobre o uso responsable da tecnoloxía, o respecto nas redes e o dereito a un entorno dixital seguro.
O Pleno contou tamén coa presenza de Julio Gonzalo Fernández Vázquez, membro da xunta directiva de UNICEF, quen puxo en valor o papel das administracións locais na defensa dos dereitos recollidos na Convención sobre os Dereitos do Neno e da Nena, especialmente o dereito a ser escoitado e a expresarse libremente.
O Pleno contou coa participación de alumnado de seis centros educativos da cidade —CEIP Curros Enríquez, CEIP Labaca, CPR Dominicos, CPR Escolapios, CPR Salesianos e CPR Karbo— que estiveron representados por grupos que interviñeron no Salón de Plenos e deron lectura, de maneira conxunta, ao Compromiso pola Infancia Dixital na Coruña, un documento elaborado colectivamente coas achegas de todos os colexios participantes.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.