Thursday 27 de November de 2025

Belén do Campo mantén un encontro coa cooperativa Hosta Creativa de Muxía para explorar liñas de colaboración na dinamización cultural de Costa da Morte


Durante o encontro, a representante do Goberno autonómico salientou a importancia do tecido cooperativo cultural como axente clave no desenvolvemento territorial, especialmente no rural

A delegada da Xunta, Belén do Campo, , reuniuse hoxe cos representantes da Cooperativa Horta Creativa, entidade cultural con sede en Muxía, adicada á xestión e dinamización sociocultural na comarca da Costa da Morte, co obxectivo de coñecer o seu traballo e explorar posibles vías de colaboración entre ambas institucións.

Durante o encontro, a representante do Goberno autonómico salientou a importancia do tecido cooperativo cultural como axente clave no desenvolvemento territorial, especialmente no rural, e amosou a disposición do Goberno galego a estudar sinerxías para impulsar proxectos en común.

Pola súa banda, a cooperativa presentou o seu traballo como entidade que crea proxectos innovadores para conectar cultura, territorio e comunidade, apostando pola sostibilidade e pola divulgación do patrimonio a través de experiencias que xeran impacto social e económico na comarca.

Horta Creativa leva a cabo máis de cen eventos ao ano en 50 concellos de Galicia, o que a converte nun referente na xestión cultural cooperativa cunha ampla implantación territorial.

Outro dos puntos centrais da reunión foi o foco estratéxico da cooperativa na implicación da mocidade da comarca, base fundamental do seu proxecto. Tal e como explicou o seu representante da entidade procura ofrecer á xuventude espazos para que participen na construción da Costa da Morte do futuro, reforzando o vínculo co territorio e contribuíndo así a fixar poboación e talento nas novas xeracións.

Neste sentido, Belén do Campo subliñou que iniciativas como Horta Creativa son exemplos claros do potencial transformador da cultura no medio rural nesta comarca, tanto na creación de actividade económica como no fortalecemento dos vínculos comunitarios, e valorou positivamente o compromiso da entidade coa sostibilidade e coa mocidade.

A delegada e o representante da cooperativa acordaron continuar o traballo conxunto para analizar fórmulas de cooperación en áreas como a dinamización cultural, centrada na música, o debate e as rutas para coñecer o patrimonio da zona, co obxectivo final de contar cun programa anual de actividades orientado a desestacionalizar os eventos especialmente nos meses nos que hai menos visitantes.

Deja un comentario