As últimas entradas continúan á venda en Ataquilla, na praza de Ourense e no despacho de billetes do teatro o día do concerto
O Teatro Colón acollerá esta fin de semana dúas actuacións musicais protagonizadas por artistas e formacións femininas. O venres 28, ás 21.00 horas, estará Dayna Kurtz, dentro do ciclo Elas Son Artistas, mentres que o sábado 29, ás 20.00 horas, estarán Las Migas, presentando o seu novo álbum ‘Flamencas’. “Desde o Goberno de Inés Rey impulsamos actuacións musicais de primeiro nivel, achegando diferentes estilos á cidadanía e apostando polo talento feminino”, indicou Gonzalo Castro, concelleiro de Cultura e Turismo.
A cantautora estadounidense Dayna Kurtz, considerada unha das voces máis intensas e emocionantes da súa xeración, chega cun repertorio que combina o mellor do folk, do jazz e do blues, sempre cunha personalidade artística única. Nacida en Matawan, Nova Jersey, ao longo da súa carreira foi recoñecida pola súa capacidade para cruzar fronteiras musicais, mesturando xéneros sen prexuízos e construíndo un son propio que lle valeu o respecto da crítica e de artistas da talla de Norah Jones ou Bonnie Raitt.
No ano 1997 foi distinguida como Compositora Feminina do Ano pola National Academy of Songwriters, e desde entón non deixou de sumar recoñecementos. Ten compartido escenario con nomes lendarios como Elvis Costello, Richard Thompson, Mavis Staples, B.B. King, Rufus Wainwright ou The Blind Boys of Alabama.
Actualmente reparte o seu tempo entre Nova Orleans e Vermont, lugares que tamén marcan a súa inspiración e a súa estética musical. Cunha voz grave, intensa e ao mesmo tempo delicada, Dayna Kurtz continúa a conquistar públicos de todo o mundo con concertos que son auténticas viaxes emocionais.
Con 20 anos de carreira musical e 6 discos de estudo, Las Migas convertéronse nunha das bandas españolas máis internacionais, con concertos realizados en máis de 50 países, como Estados Unidos, India, Francia, Exipto, México, Cuba, Italia, Namibia, Xamaica, Alxeria, Hong Kong, Alemaña, Chile, Suecia, Ucraína ou Marrocos, entre outros moitos.
Tres veces nomeadas ao Latin Grammy na categoría de Mellor Álbum de Música Flamenca (2016, 2022 e 2024), premio co que se fixeron en 2022. Tamén gañadoras do Premio MIN en en 2019 e 2023 polos seus álbums ‘Rumberas’ e ‘Libres’.
Durante a primavera de 2025, Las Migas estrean o seu novo álbum, ‘Flamencas’, un traballo que supón unha homenaxe á esencia e a pureza do flamenco no que a banda transformou o seu código cara a unha mirada moito máis contemporánea, envolvidas nunha forza visual que xa se pode ver no seu videoclip ‘Celos’, dirixido polo recoñecido fotógrafo de moda Javier Biosca.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.