Thursday 27 de November de 2025

O Concello de Ribeira apoia a acción social no municipio con 34.000 euros a entidades


 Renóvanse os convenios de colaboración para financiar os proxectos de dez asociacións

A alcaldesa de Ribeira, María Sampedro, e o concelleiro de Servizos Sociais, Vicente Mariño, asinaron hoxe os convenios de colaboración con dez entidades sociais que operan no municipio. Mediante esta rúbrica, a Administración local financiará por un importe total de 34.000 euros os proxectos Vivindo na comunidade, da Asociación Ámbar; o Servizo de atención psicopedagóxica, de Amicos; o Programa de atención a familias con problemas económicos, de ICE Renovación; a Promoción do éxito escolar, de Cruz Vermella; a Formación e emprego, de Cáritas; o funcionamento da delegación da Asociación Española contra o Cancro; o Programa de transporte de usuarios, de A Creba; a Prevención das drogodependencias, de Renacer; o Proxecto contigo, de Faibén; e o Proxecto de atención psicopedagóxica para menores con trastorno do espectro autista, de Ágape.

Sampedro destacou que cada entidade recibirá 3.400 euros “coa finalidade de financiar parte da actividade social que desenvolven para o beneficio de veciños e veciñas en situación de vulnerabilidade.

Como Administración pública debemos contribuír ao desenvolvemento da acción destas entidades que constitúen unha
peza angular na nosa sociedade, establecendo sinerxías con elas para axudar a quen máis o necesita. E, neste ano, todas elas percibirán a mesma dotación económica.” Neste senso, a rexedora agradeceu “a súa implicación de maneira desinteresada cara a consecución dunha sociedade máis xusta e igualitaria.”

Pola súa parte, o edil Vicente Mariño sinalou que “coñecedores da realidade social do noso municipio, traemos un ano máis estes convenios de colaboración coas entidades de iniciativa social que traballan no noso concello co obxectivo de colaborar no financiamento de proxectos encamiñados a diminuír a influencia dos factores sociais que conducen a situacións de exclusión social, apoiando accións orientadas á mellora da saúde e calidade de vida dos colectivos mais vulnerables.”

Deja un comentario