Thursday 27 de November de 2025

Abanca, Afundación e Concello de Neda presentan a exposición fotográfica “Nós tamén fomos emigrantes”


A mostra, con corenta imaxes do arquivo da Agencia EFE, poderá visitarse no centro cívico ata o 5 de xaneiro

Neda acolle ata o mes de xaneiro a exposición «Nós tamén fomos emigrantes. Fotografías da Agencia EFE sobre a emigración española no século XX». O alcalde, Ángel Alvariño, os coordinadores de relacións institucionais de Abanca en A Coruña e de Afundación, José Manuel  Vilariño e Verónica Rego,respectivamente; e a directora de Abanca na zona Betanzos-Eume, Begoña Caamaño, acompañados doutros representantes municipais e do banco, inauguraban este mañá no centro cívico da vila a mostra, que forma parte do proxecto «Corrente cultural». Co Nadal á volta da esquina, o proxecto incorpora ademais un propósito solidario.

A exposición, que poderá visitarse ata o 5 de xaneiro de forma gratuíta, reúne unha selección de corenta fotografías procedentes dos arquivos da Agencia EFE que documentan a emigración española e, moi especialmente, a galega ao longo do século XX, ofrecendo unha mirada profesional e humana sobre este fenómeno histórico.

Trátase dunha escolma de retratos próximos, que narran as circunstancias vitais das xeracións que, nos anos cincuenta e sesenta abandonaron, a súa terra na procura dun futuro mellor.

A exposición, que convida ao público a reflexionar sobre a memoria migratoria e o papel da cultura como ferramenta de coñecemento e desenvolvemento colectivo, forma parte do proxecto “Corriente cultural”. É, polo tanto, o resultado da aposta de ABANCA e Afundación, para promover a cultura máis alá dos seus propios edificios, contando, neste caso, co apoio do Concello de Neda.

Ademais, «Nós tamén fomos emigrantes. Fotografías da Agencia EFE sobre a emigración española non século XX» inclúese no programa “Cultura por alimentos”, proxecto solidario que busca colaborar co banco de alimentos municipal, animando a facer unha doazón de produtos non perecedoiros ao asistir a exposición.  A mostra  poderá visitarse de luns a venres, en horario de 10:00 a 12:00 horas e de 16:00 a 20:00 h.

Deja un comentario