Thursday 27 de November de 2025

Rueda reitera o apoio da Xunta no proceso de transicion enerxética do tecido industrial galego


 Destaca o porto de Ferrol como referente no proceso de descarbonización
 Pon en valor a necesidade de aproveitar as enerxías renovables
 Reclama ao Goberno central a importancia de dotar a Galicia dunha rede de infraestruturas axeitadas

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, reiterou hoxe o compromiso do seu Executivo en apoiar as empresas e todo o tecido industrial galego no proceso de transición enerxética para garantir a súa competitividade: “Todos os investimentos que estamos a facer son importantes, custan moitos esforzos, pero teñen un efecto multiplicador. E que se aposte nunha infraestrutura como o Porto de Ferrol me parece fundamental”, salientou Rueda.

Así o fixo durante o acto de apertura da V Xornada Porto-Empresa O porto, comunidade enerxética, celebrada no Edificio Prioriño do Porto exterior, á que acudiu acompañado da conselleira do Mar, Marta Villaverde. O obxectivo da xornada é analizar o futuro do porto de Ferrol e o seu papel como un axente clave na descarbonización e as comunidades enerxéticas.

Neste contexto, o titular do Goberno galego salientou a importancia de Ferrol e do seu porto para toda a economía galega e como referente no proceso de descarbonización. E destacou a Ferrolterra como o epicentro do Polo de Innovación de Enerxías Marítimas e Almacenamento Enerxético (PIEAME), un polo promovido pola Xunta para consolidar a Galicia como un referente na transición enerxética, grazas á importancia do seu sector naval e as súas sinerxías coas enerxías renovables e a eólica mariña: “Os grandes portos galegos cada vez son parte máis importante do crecemento do territorio, motores fundamentais. E alégrome moito de que o porto de Ferrol-San Cibrao sexa un elemento tractor de Ferrolterra”, apuntou.

Rueda puxo en valor a oportunidade que supón para Galicia o aproveitamento das enerxías renovables, grazas aos recursos naturais dos que dispoñemos na nosa comunidade. E incidiu na importancia de seguir desenvolvendo un ecosistema vencellado a este eido enerxético, con fábricas, centros tecnolóxicos e proxectos de I+D: “Temos recursos para converter as enerxías do futuro. Con todos os pasos con sentidiño que hai que dar. E quen sexa capaz de producilas e de fixar as industrias que necesitan esas enerxías no propio territorio, está nunha posición punteira e terá unha enorme vantaxe”, destacou o presidente.

Apoio e reclamacións da Xunta

Na súa intervención, Rueda manifestou o apoio do Goberno galego para seguir avanzando cara un tecido produtivo máis verde, sostible e innovador, onde as renovables e o autoconsumo gañen terreo. Nesta liña, salientou a relevancia da Lei de recursos naturais, coa que se promove unha explotación destes bens que teña beneficios para a contorna: “Queremos que se produzan enerxías verdes aquí e queremos que eses beneficios repercutan directamente nos que aquí vivimos. Tanto nos cidadáns como nas industrias”, salientou.

O presidente da Xunta tamén reclamou ao Goberno central a importancia de cumprir coas súas obrigas para que esta transición enerxética sexa unha realidade en Galicia. Entre outras cousas, destacou a prioridade de dotar a Galicia dunha rede de infraestruturas enerxéticas axeitadas ás necesidades da industria e que haxa avances no Corredor Atlántico Noroeste: “Non queremos máis que ninguén pero tampouco menos. E polo tanto non ten sentido que se estean adiantando prazos noutros sitios e aquí non tiñamos nin un plan director”, declarou Rueda.

Por último, recordou o traballo que se está a facer desde a Xunta coa Autoridade portuaria de Ferrol no proxecto ‘Abrir Ferrol ao Mar’, ao que destacou como un bo exemplo do esforzo por facer medrar Galicia desde a súa contorna natural: “Sigamos traballando xuntos. Facer unha cidade para todos require investimento e xenerosidade, e creo que os estamos facendo entre todos”, rematou o presidente.

Deja un comentario