O documento económico pretende dar cobertura a investimentos xa en marcha
A Corporación municipal de Ribeira debateu na tarde do 26 de novembro en Pleno extraordinario e urxente a aprobación inicial da proposta do executivo local dos orzamentos municipais para 2025 por un total de 29.756.460 euros para equilibrar o gasto executado cos ingresos e dar cobertura a investimentos en marcha; punto da orde do día que saíu adiante con 13 votos a favor (PP e PBBI) e 6 abstencións (BNG e 1 non adscrito). Cómpre indicar que, tras cumprir coa primeira quenda de intervencións, tanto o concelleiro Juan Luis Furones (non adscrito) como Francisco Suárez-Puerta (PSdeG-PSOE) abandonaron a sesión plenaria, polo que os seus votos non constan.
Dentro do Capítulo 6 de inversión, o documento recolle as previsións para dar cobertura ás perdas de subvencións de 47.856 euros de reforzo da liña eléctrica do futuro polígono industrial, ao non terse executado a tempo a actuación inversora no pasado ano.
Ademais, recóllese a contía de 57.000 euros coa finalidade de dar cobertura á perda de subvención de fondos europeos para a remodelación da praza do Centenario, xunto con 9.619 euros para reintegro da subvención pola redacción do proxecto na senda do río Saíñas.
En canto á dedicación a melloras nos colexios, o importe ascende aos 70.000 euros, reforzarase a iluminación pública con 60.000 euros, mellorarase a rede de saneamento e abastecemento con 120.000 euros e 213.000 euros para a execución do novo parque infantil na praza do Centenario. En consecuencia, este orzamento recolle un total de 2.667.849 euros en actuacións inversoras.
O Capítulo 2 supón un 50% do documento económico, o que se traduce en 14.881.954 euros, por tratarse de bens e subministros, é dicir, servizos básicos para a cidadanía como o tratamento de augas residuais, a xestión dos residuos sólidos, a limpeza viaria ou o abastecemento de auga potable.
No que respecta ao Capítulo 1, de gastos de persoal, a asignación sitúase nos máis de 9.490.922 euros, incluíndo aspectos como sacar a licitación o contrato de riscos laborais e recoñecementos médicos.
Suplemento de crédito
Tamén se abordou en sesión plenaria o suplemento de crédito de 1.749.277 euros a través do remanente de Tesourería para liquidar obras en marcha e pagar facturas pendentes, ao cal se lle deu luz verde por contar con respaldo unánime.
Habilítase unha partida de máis de 500.000 euros para finalizar a construción do Centro de Deportes Náuticos e 300.000 euros para mantementos en vías públicas. En consecuencia, as pavimentacións de estradas municipais dotaranse con case medio millón de euros ao sumar os cartos destinados a aglomerados e pintados de seguridade viaria que contempla o orzamento municipal para 2025.
No que atinxe ás sentencias xudiciais sobre as expropiacións das parcelas do futuro polígono industrial que ascenden a 300.00 euros e 180.000 euros van con cargo a este suplemento de crédito.
Crédito extraordinario
Outro dos asuntos a tratar foi o crédito extraordinario por valor de 130.000 euros para a posta en marcha dos bonos AmaRibeira, por un importe de 100.000 euros, e para o bombeo para poñer en marcha o saneamento na rúa Muralla, en Aguiño, por 30.000 euros; que tamén obtivo a unanimidade do Pleno da Corporación.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.