Friday 22 de November de 2024

San Sadurniño abre o prazo de inscrición na XXI Feira da Plantación


O evento celebrarase o domingo 24 de abril ao pé do colexio público

Apuntade esta data na vosa axenda: domingo 24 de abril. Último domingo deste mes das flores e, polo tanto, día no que desde hai dúas décadas se celebra en San Sadurniño a Feira da Plantación. De novo están chamados expositores de toda a volta para mostrar -e vender- flor, planta decorativa, árbores, herbas medicinais… pero tamén materia prima para os morteiros e produtos alimentarios frescos. O evento, que se desenvolverá durante toda a xornada, busca promocionar a produción e a comercialización agrícola da zona xunto coas posibilidades de desenvolvemento sustentable do medio rural.

A feira está organizada pola área de Desenvolvemento local en colaboración con outros departamentos municipais. Nela daranse cita principalmente principalmente viveiros de planta e árbores, florerías, produción de horta, postos de alimentación e tamén a artesanía sempre que estea vinculada co mundo vexetal. A diferenza da Feira Rural e dos mercados trimestrais, neste caso non terán cabida a venda de artigos de segunda man nin tampouco outras manufacturas que non se axeiten ao tema principal desta feira monográfica.

Este será o cuarto ano en que o Concello organizará a feira impulsada hai exactamente 20 anos pola desaparecida asociación Bidueiro. O evento desenvolverase ao pé do colexio público de San Sadurniño, onde se instalará unha carpa de 2000 metros cadrados para acomodar exclusivamente os expositores de planta, xa que o resto se disporán nos laterais da carpa e na rúa paralela ao colexio público. Entre eles haberá produción, comercialización, cooperativas e outras organizacións relacionadas co medio rural.

A XXI Feira da Plantación comezará pola mañá e estará aberta ata o serán. O público poderá atopar todo tipo de produtos relacionados co cultivo da terra, ademais de gozar de exposicións e de obradoiros dirixidos principalmente á rapazada. Outra tradición que se mantén é a de agasallar ás persoas asistentes cunha planta de recordo e cómpre lembrar que con cada compra recibirán papeletas para participaren no sorteo de varios lotes de produtos.

Alén da poñer en valor do rural e do seu potencial, a feira tamén é unha escusa perfecta para achegarse a San Sadurniño e botar o día coñecendo o territorio ou gozando da boa mesa nalgún dos locais hostaleiros do municipio. Desde o departamento de Turismo aconséllase reservar previamente, posto que nos días de mercados ou feiras os restaurantes da zona adoitan ter unha alta ocupación.

Inscricións
O prazo de inscrición na XXI Feira da plantación está aberto ata o 20 de abril ás 14.00h. Para apuntarse nela haberá que cubrir a solicitude que hai ao pé deste artigo e presentala no rexistro municipal, enviala por correo postal ao Concello -Lugar do Casal nº 16, c.p. 15560-San Sadurniño- ou ben a través do correo electrónico agustin.perez@sansadurnino.gal.

Cómpre reseñar, unha vez máis, que esta feira non está aberta aos postos de segunda man nin tampouco aos de artesanía, agás aqueles relacionados co cultivo da terra ou co mundo vexetal como, por exemplo, a artesanía floral.

A lista definitiva de postos admitidos publicarase o 21 de abril. Para máis información ou para solventar calquera dúbida hai dous teléfonos: a centraliña do Concello, 981 490 027 ou o móbil 616 332 919.