· Teatro do Cine Elma acollerá o sábado, 29 de novembro, a actuación da Orquestra de Cámara Galega e o domingo, día 30, a función Deadpan Karaoke.
A Pobra do Caramiñal vivirá unha fin de semana na que a cultura terá un gran protagonismo. A Concellería de Cultura ten programadas dúas actividades pertencentes a diferentes disciplinas artísticas e pensadas para todo tipo de públicos: a actuación da Orquestra de Cámara Galega e a función teatral Deadpan Karaoke.
O sábado, 29 de novembro, ás 19.00 horas a Orquestra de Cámara Galega aterrará no Teatro do Cine Elma como parte do programa Outono das Artes da Deputación da Coruña. Tras o seu recente 27 aniversario, a agrupación chegará ao municipio con repertorios novos nos que se inclúen temas barrocos e outros contemporáneos. Todo cun fío condutor: dar a coñecer a música de compositores galegos, cunha especial mención á obra de Rogelio Groba Groba.
Ao día seguinte, domingo 30 de novembro, ás 19.00 horas terá lugar Deadpan Karaoke de Iboprofeno Teatro. A compañía proporanos unha viaxe a través do humor, a música e o cinema para tratar de pescudar se hai lugar para o amor na sociedade na que vivimos. O espectáculo farase en colaboración coa Rede Cultural da Deputación da Coruña.
A entrada para ambas actividades é gratuíta e libre ata completar a capacidade na instalación.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.